Verín inaugura mañá a IX Feira do Viño de Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A praza da Mercé de Verín acollerá mañá, ás 20 horas, a inauguración da IX Feira do Viño de Monterrei na que se unirá, unha edición máis, a cultura, viticultura, gastronomía e a política galega.

Tras a inauguración oficial do recinto feiral, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasládase a igrexa da Mercé, onde procederase á imposición de medallas aos catro novos membros da Confradía dos Viños de Monterrei, todos eles personaxes destacados pola súa contribución á mellora e evolución dos viños desta denominación.

Ao igual que en edicións anteriores os visitantes á Feira poderán degustar os viños das dez adegas participantes (Ladairo, Gargalo, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Boo Rivero, Vía Arxéntea, Abeledos e Tabú), establecendo novamente o Consello Regulador uns prezos moi populares. Completarán a oferta para esta fin de semana actividades musicais e lúdicas, tanto na praza da Mercé como na García Barbón. Arranca a programación coa actuación dun quinteto folk Troque, encabezado pola solista de Ana Leira, na xornada do sábado ás 12 horas, na praza da Mercé. Nese mesmo espazo, pero a partir das 21.30 horas será a quenda para os máis novos, cunha sesión a cargo dos DJ´s Saray Díaz de Fun Radio e Gramola que incluirá coctelería acrobática, na que os/as asistentes á feira poderán degustar unha variada carta de combinados nos que o viño desta denominación figura como base. Esa mesma xornada, pero xa na praza García Barbón, a partir de media noite converterase no epicentro musical da comarca da man do presentador e locutor radiofónico Fernandisco e Efecto Mariposa. O grupo de pop malagueño presentará o seu novo traballo Comienzo e realizará un percorrido pola súa discografía. Xa o domingo, ás 12 horas, a praza da Mercé acollerá a actuación do grupo de folk verinense Pingas de Orballo. Mentres que pola tarde, ás 20 horas, nese mesmo espazo terá lugar unha actividade de animación para os máis pequenos con globoflexia, pallasos e zancudos.

No referente á gastronomía, dez restaurantes da comarca de Verín ofertarán aos veciños e visitantes menús especiais con prezos que oscilan entre os 12 e os 22,50 euros (Lugano, San Roque, O Augueiro, O Castelo, O Candil, Casa Zapatillas, O Souto das Candeas, Brasil, Casa Manola e Parador de Verín), e desde o Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia promoveranse paquetes turísticos para grupos durante a fin de semana, que inclúen diferentes propostas de ocio e culturais na zona, coa fin de incentivar unha maior participación do público nesta novena edición da feira.

O Concello de Verín conxuntamente co Consello Regulador da D.O. Monterrei son os organizadores da IX Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará durante os días 08, 09 e 10 de agosto na praza da Mercé en Verín, contando coa colaboración de Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín e o Concello de Vilardevós.

7 de agosto de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.