Veciños, hostaleiros e comerciantes de Lugo mostran a súa satisfacción polo acordo entre Urbaser e traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O presidente da Unión de Asociacións de Veciños de Lugo, Valentín Arias, o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, e o presidente da Asociación Provincial de Hostalaría, Cheché Real, expresaron este xoves a súa satisfacción polo principio de acordo alcanzado entre a dirección de Urbaser, concesionaria da limpeza na cidade amurallada, e os representante dos traballadores para poñer fin á folga de recollida de lixos.

Así, o presidente da Unión veciñal indicou que este xoves é “un dos días máis alegres de todo o ano”, que pon fin a “demasiada presión”. “Era moito o sufrido por veciños, comerciantes e hostaleiros”, explicou Valentín Arias, ao tempo que asegurou que os veciños estaban “completamente descontentos”.

Arias recordou que a asociación puxo “todos os medios co concello, con Urbaser e cos traballadores, para que se puidese chegar a un acordo”. “Pena que isto empezase mal co diálogo. Esa foi unha das bases, partiuse dun mal diálogo ao principio da folga”, indicou.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, indicou que este preacordo era “a noticia que todos esperabamos”. “É inconcibible que pasasen tantos días e imos pagar as consecuencias. Isto afectou a todo a todo o mundo. Perdemos capacidade de vender, ademais do mal concepto que se puido ter de Lugo”, apuntou.

Dende a Asociación Provincial de Hostalaría, o seu presidente, Cheché Real, confesou que no sector respiran “máis aliviados” e felicitou á cidadanía de Lugo “por todo o que tivo que soportar durante estes case sesenta días e o dano da imaxe turística coa proxección ao exterior, coa imaxe do lixo acumulado”.

O empresario lucense abre a posibilidade a pedir responsabilidades por danos e prexuízos, tras estes 58 días de paro. “Imos intentar, a través dos asociados coas chamadas que fagan, en caso de que se sintan afectados por perdidas importantes, dar curso ao gabinete xurídico para estudar unha posible demanda, en canto a reclamar danos e prexuízos pola folga sempre e cando teña posibilidade de prosperar”, sentenciou.

7 de agosto de 2014 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.