Urbaser e os traballadores chegan a un principio de acordo para poñer fin á folga de Lugo
Urbaser e os representantes dos traballadores da recollida de lixos de Lugo alcanzaron na madrugada deste xoves un principio de acordo para poñer fin á folga do servizo iniciada o pasado nove de xuño.
Segundo informaron fontes sindicais, o “preacordo” alcanzouse durante a reunión mantida dende a tarde deste mércores, en torno ás 4.00 horas da madrugada.
Agora, as condicións terán que ser ratificadas pola asemblea de traballadores, unha asemblea que terá lugar antes da rolda de prensa convocada ás 11.00 horas deste xoves na casa sindical da Rolda da Muralla.
Segundo trascendeu, o convenio subscríbese por un período de catro anos e consolídase unha paga de 450 euros fronte aos 600 que reclamaba a “parte social”. Ademais, acordouse a readmisión dos once membros do comité de empresa despedidos por incumprimento dos servizos mínimos. A cambio, estes traballadores sométense a unha sanción de 50 días de emprego e soldo, que cumprirían dende o inicio da folga.
A reunión deste mércores, a número 14 para alcanzar un novo convenio e a sexta dende que arrancou o paro, prolongouse durante máis de dez horas.











