Uns vinte cativos participan nun obradoiro de decoración de cupcakes da Semana Cultural de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Un dos cupcakes creados

Un dos cupcakes creados

Uns vinte nenos e nenas participan durante estes días nun obradoiro de decoración de cupcakes e galletas que o Concello de Oroso organizou no marco da programación da súa Semana Cultural 2014. Os cativos, de cinco anos en diante, están aprendendo en cinco clases diferentes procedementos e técnicas para facer aínda máis vistosos os cupcakes. Cos distintos utensilios de repostaría, adornan estes doces de moda con motivos florais, con formas animais ou con formas abstractas.

As clases, cunha hora diaria de duración, estanse desenvolvendo no Centro Cultural de Sigüeiro co alumnado distribuído en dous grupos de idade. Os nenos e nenas aprenden que ingredientes e elementos utilizar, como colocalos no cupcake e que normas deben seguir para que o resultado sexa o máis agradable á vista posible, sen esquecer a combinación de sabores que se acada co seu traballo.

A Semana Cultural prosegue este xoves 28 pola tarde, coa actuación do mago Cayetano Lledó e o seu espectáculo para todos os públicos ‘O peregrino máxico’. Esta proposta, que comeza ás 19:30 horas, está prevista no exterior da piscina municipal de Sigüeiro, aínda que se as circunstancias meteorolóxicas o aconsellan trasladarase ao Centro Cultural.

27 de agosto de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.