Uns 40 voluntarios participan en dous campamentos de traballo de Xuventude na Laracha
A Laracha é o único concello galego que esta ano conta con dous campos de traballo, nos que realizarán labores medioambientais, etnográficas e patrimoniais coa colaboración de 40 voluntarios (20 en cada campo) procedentes de Galicia, doutras comunidades españolas e de varios países do mundo, xa que ambos campos teñen un carácter internacional.
O primeiro campo tivo lugar do 15 ao 29 de xullo e durante a súa execución realizáronse traballos medioambientais sobre a conca do río Bradoso, prolongándose, así mesmo, estas actuacións durante o segundo campo de traballo, que se está a celebrar entre o 1 e o 15 de agosto. Os labores medioambientais que están a realizar os voluntarios son a limpeza da maleza e rastrollos dun roteiro, a mellora e mantemento de paneis informativos, a identificación da flora, o adecentamento de zonas de lecer, e a recollida de lixo no tramo fluvial.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos voluntarios que están a participar nesta iniciativa e lembrou que os traballos etnográficos e patrimoniais que desenvolven están relacionados co coñecemento do funcionamento e das partes dun muíño de río, o acondicionamento dos mesmos e os costumes e tradicións arredor desta protoindustria propia de Galicia.
Este ano, a Comunidade autónoma conta con 649 prazas para que participen mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en campos de traballo, das que 249 son de envío a outras comunidades (101 prazas) e a outros países (148 prazas) e 400 de acollida, nos campos que organiza Galicia. Con estes datos, é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo de carácter internacional.
Os mozos e mozas galegos poden optar a participar tanto nos 14 campos de Galicia, como nos que se ofertan en 11 comunidades autónomas e en 27 países de 4 continentes distintos: Europa, Asia, África e América. En Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar organiza campos de traballo nas Illas Cíes (4 quendas) e Cotobade, na provincia de Pontevedra; en Portomarín, en Lugo; en Ponteceso, A Laracha (2 campos), Boqueixón, Rois e Melide, na Coruña; e en Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa e Vilar de Barrio, en Ourense.
Para Rodeiro, os campos de traballo “constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. “Son accións voluntarias, que os mozos realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”, apuntou o director xeral.
Os campos de traballo enmárcanse dentro da ‘Campaña de Verán 2014’ que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Esta campaña é a máis importante, en número de prazas ofrecidas, a nivel de todo o Estado. En total, son 8.266 prazas, un 2,7% máis que o ano pasado.
A campaña inclúe tamén albergues e campamentos e actividades de ocio e tempo libre para os mozos. O seu orzamento é de 2,3 millóns de euros.
Un dos efectos positivos da ‘Campaña de verán’ está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre da Comunidade están a dar traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos, na súa maioría, xente nova.











