Uns 40 menores de 3 a 6 anos participan en agosto no campamento urbano “Baby ocio” de Ferrol
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, visitou hoxe aos menores que participan na edición de agosto co campamento urbano de verán “Baby Ocio”, que se desenvolve dende principios de mes nas instalacións municipais da Casa da Xuventude. Un total de 40 nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos participan diariamente nas actividades de carácter lúdico e didáctico que se organizan neste campamento que ten un obxectivo dobre: “ofrecer aos nenos/as de Ferrol un espazo de ocio e divertimento durante as vacacións escolares e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida laboral e familiar”, explicou a edil ferrolá.
De feito, e coa finalidade de responder á política de conciliación fixada pola Concellaría de Igualdade e Xuventude, este verán decidiuse ampliar os horarios dos campamentos –tanto do “Baby Ocio” como do “Planeta Verán”, para menores entre os 7 e os 12 anos e que ten lugar no Centro Cultural Carvalho Calero-; e así a xornada comeza as 08.30 horas e remata ás 14.30 horas. Os nenos de”Baby Ocio” e de “Planeta Verán” realizan diferentes talleres tanto no interior da Casa da Xuventude e Centro Cultural Carvalho Calero, como no exterior aproveitando a praza 8 de marzo –os primeiros- e a pista polideportiva e espazo de encontro da praza do Inferniño –os segundos-.
Ademais destes dous campamentos urbanos, a Concellería de Igualdade e Xuventude está a desenvolver outros dous na zona rural: en Esmelle e en Covas: Ludoteca Verán e Aventura Ferrol, en que participan un total de 90 nenos e nenas.











