Uns 25 matrimonios de Mos celebrarán as súas vodas de ouro na Festa da Terceira Idade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Concello de Mos organiza un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que este ano cumpre a súa XXIV edición e celebrarase o día 31 de agosto.

Esta emblemática festa concíbese dende a administración local mosense como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados, ou vodas de ouro.

Os obvectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O lugar de celebración da actividade será en Costoias, na parroquia de Tameiga. O horario da programación será de 12.00 horas a 19.00 horas. Ás 12.00 horas oficiarase a Misa cantada no recinto de Costoias e seguidamente a Banda de Música Xuvenil de Torroso dará un concerto. Ás 14.00 horas servirase o aperitivo campestre a base de callos e porco ó espeto, gratis para tódolos asistentes, e media hora despois dará comezo o xantar no que os matrimonios homenaxeados que non estean acompañados de familiares serán convidados polo Concello (os que queiran xantar coas súas familias deberán levar a súa propia comida).

Xa ás 16.00 horas o grupo musical ‘3.com’ amenizará a sobremesa e ás 16.30 horas terá lugar a entrega de agasallos ós homenaxeados, que este ano serán 25 parellas, un total de 50 persoas.

13 de agosto de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.