Uns 2.500 mozos titulados universitarios e de formación profesional inscribíronse no Plan de práctica laboral da Deputación
Un total de 2.500 licenciados, graduados ou diplomados universitarios e de formación profesional presentaron as súas solicitudes para optar a contratos en empresas da provincia de Pontevedra no marco do Plan de práctica laboral da Deputación para o ano 2014, segundo anunciou hoxe en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán.
O prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado martes, 29 de xullo, polo que á cifra mencionada aínda se pode sumar algunha outra solicitude que chegue por correo.
Segundo explicou Louzán, a cifra de 2.500 inscritos pode ser algo inferior, xa que hai casos nos que unha mesma persoa conta con dúas titulacións. “Dos presentados, nós daremos cobertura a preto de 500 nas 903 empresas da provincia que se acolleron ó Plan”, dixo.
Destas empresas, 160 son de Vigo; 78 de Pontevedra; 49 do Salnés; 44 de Deza; 23 do Morrazo; 18 de Caldas; 15 do Baixo Miño; 10 de Tabeirós-Terra de Montes; e 3 da comarca do Condado-A Paradanta.
As titulacións académicas máis demandadas por estas empresas foron Administración de Empresas (46), Administración e Finanzas (38), Xestión Comercial e Márketing (17), Informática (12), Publicidade e Relacións Públicas (12), Relacións Laborais e Recursos Humanos (11), Arquitectura (8), Arquitectura Técnica (11), Aplicacións Multiplataforma (7), e Produción por Mecanizado (7).
Unha vez rematado o prazo de inscrición, os técnicos do Servizo de Recursos Humanos da Deputación procederán á selección dos bolseiros. Nela, o currículo ou expediente académico será valorado de 0 a 7 puntos, e a entrevista sobre o currículo e coñecementos relacionados coa titulación valorarase de 0 a 3 puntos. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicará as puntuacións obtidas e cada bolseiro escollerá a empresa na que desexa realizar as prácticas.
O traballo comezará o 1 de outubro e durará un ano. Percibirán 800 € ó mes os licenciados, graduados e diplomados, e 700 € ó mes os titulados nun ciclo superior.











