Uns 100 operarios comezarán o luns a acondicionar o Camiño Portugués

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Preto de 100 operarios comezarán este luns a traballar nas tarefas de limpeza e acondicionamento do Camiño Portugués a Santiago no tramo comprendido entre Tui e Pontecesures. Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación.

Os traballadores recibiron hoxe o equipamento necesario para realizar un traballo que pretende que, nun prazo de seis meses, todo o percorrido do Camiño pola provincia de Pontevedra estea en perfectas condicións de limpeza.

Louzán destacou que se trata tan só dunha das partes do proxecto conxunto que a Deputación, os 12 concellos da ruta e a Xunta de Galicia están a levar a cabo para “a consolidación definitiva” dun Camiño que realizan milleiros de persoas cada ano.

Parte construtiva

A estes labores iniciais sumaranse posteriormente, tal e como o anunciou o presidente da Deputación, outras tarefas máis complexas orientadas a mellorar a seguridade nos cruzamentos e nos puntos máis conflitivos.

No detalle das obras necesarias está a traballar xa unha consultora e, unha vez entregado o proxecto, a Deputación licitará os traballos. As obras incluirían a construción dalgunha ponte de madeira en lugares de especial dificultade de tránsito nos meses de choiva, a aplicación de balastro ou o empedrado dalgúns puntos e a sinalización, entre outras.

Os traballos realizaranse nos concellos de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures. Os operarios distribuiranse en función do número de quilómetros que haxa que cubrir en cada concello.

Delimitación

O presidente da Deputación indicou que todos os traballos se realizarán seguindo a delimitación do trazado na que traballa a Dirección Xeral de Patrimonio, co obxectivo de “respectar a ruta orixinal” e contribuír á súa consolidación.

29 de agosto de 2014 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.