Unhas 3.200 persoas gozarán dos balnearios da provincia de Pontevedra co programa “Saúde e benestar”
Un total de 3.199 persoas solicitaron participar no programa “Saúde e benestar”, co que a Deputación de Pontevedra lles oferta ós veciños da provincia a oportunidade de gozar de 6 días e 5 noites en establecementos termais da provincia a prezos reducidos.
Son 199 persoas máis que o total de prazas ofertadas inicialmente, pero as propias bases do programa recollen a posibilidade de ampliar o orzamento para darlles cobertura a todos os demandantes.
O programa vai dirixido a persoas maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas ou persoas que precisen dun respiro familiar e ten un dobre obxectivo: por unha banda, busca fomentar o envellecemento activo e ofertarlle a este colectivo oportunidades de descanso e de lecer a un prezo accesible, e, pola outra, dinamizar o sector turístico, facilitando a actividade económica neste sector en temporada baixa.
Nove balnearios ofertados
As 3.200 persoas que participarán no programa poderán gozar de 6 días e 5 noites en pensión completa, utilizando servizos do spa ou balneario elixido e cun amplo abano de actividades de animación sociocultural. Ademais, disporán de transporte desde o concello de residencia ata o establecemento elixido.
O programa oferta prazas en nove establecementos. Os máis demandados son o Balneario Hesperia Isla La Toja, con 488 solicitudes; o Gran Talaso de Sanxenxo, con 275 solicitudes; o Talaso Atlántico de Oia, con 272 solicitudes; e o Talaso Louxo La Toja, con 252 solicitudes.
As demais prazas distribúense entre os spas Via Argentum de Silleda; Nanín Playa, de Sanxenxo; Norat, do Grove; Oca Galatea e Carlos I Silgar, en Sanxenxo.