Unha reportaxe na revista da compañía aérea “Vueling” está protagonizada pola oferta turística de Ferrol
Ferrol e parte da súa oferta turística singular que a diferenza doutras cidades como destino de visitantes é obxecto dunha reportaxe na revista Ling que se facilita a bordo dos voos da compañía Vueling durante todo o presente mes de agosto. A reportaxe, unha dobre páxina en castelán e inglés, leva por título “¿Y aún te preguntas por qué visitar Ferrol?” ; e está ilustrada con imaxes da ría de Ferrol entre castelos, a batería da Cortina do Arsenal Militar, a praia de San Xurxo e As Meninas de Canido.
A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, destacou a importancia de facer estas campañas de promoción para dar a coñecer internacionalmente a cidade; e lembrou que non é a primeira vez que Ferrol é obxecto de reportaxe por parte deste tipo de revistas de gran difusión. Así, sinalou que no pasado mes de marzo a oferta de ocio e turismo da cidade tivo repercusión na revista “Ronda Iberia”. Nesa ocasión, fíxose especial fincapé na difusión da Semana Santa, a primeira que se celebrou coa declaración de Interese Turístico Internacional, a Ruta do Naval e o Salón do Cabalo – Equiocio.
No que atinxe ao contido, a reportaxe comeza falando da Ruta da Construción Naval, con alusión ao Arsenal Militar, Navantia -á que se refire como “referente mundial no deseño e construción de buques militares de alto contido tecnolóxico”-, e Exponav –do que di que se trata “do maior museo europeo sobre construción naval”-,. Os paseos en lancha e a ruta do Modernismo –“para deixarse impresionar polas galerías e os miradoiros dos edificios do barrio da Magdalena”, lese na reportaxe-, tamén son encantos da cidade dos que se fai eco esta revista internacional. “Ling” tamén recomenda aos viaxeiros de Vueling coñecer a ruta das Meninas de Canido, que o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo, está a impulsar para conseguir que forme parte dos itinerarios culturais europeos.
Así mesmo, a revista da compañía aérea tamén presta especial atención as praias do litoral ferrolán, sinalando ao respecto que “hainas de todo tipo: dende extensos areeiros de mar aberto a pequenas calas solitarias ou extensas praias de fina area e vexetación case virxe”. Na reportaxe cítanse as catro praias que este verán locen o distintivo da Bandeira Azul: Doniños, San Xurxo, Esmelle e A Fragata-Pereixal. Ademais, tamén destaca que Doniños, xunto con San Xurxo e Ponzos son praias ideas para a práctica do surf; e, así mesmo, recomenda facer a ruta de sendeirismo de 50 quilómetros pola Costa Ártabra e percorrer os miradoiros naturais como os de Chamorro e Monte Ventoso.
Rutas de peregrinación
A revista de Vueling tamén recolle que Ferrol é cidade de paso de peregrinos que fan o Camiño Inglés a Santiago de Compostela; e daqueles que camiñan cara ao santuario de San Andrés de Teixido, que como se di na reportaxe: “vai de morto quen non vai de vivo”.
Por último, a publicación recomenda para “tapear” os locais de hostalería situados no centro da cidade, o Cantón de Molíns e Esteiro; ao tempo que recomenda achegarse a Ferro en agosto, coincidindo coa Semana Grande das Festas de Verán.











