Unha quincena de padexeiros galegos competirán polo título mundial de piragüismo en Moscova
Quince padexeiros galegos participarán no Campionato do Mundo de piragüismo que se disputará a partir do próximo xoves en Moscova. Son doce homes e tres mulleres que afrontarán un total de 14 probas en varias modalidades. A representación galega está formada por oito canoistas e sete kayakistas. O Mundial terminará o vindeiro domingo.
Varios dos deportistas afrontarán dúas probas, nun calendario esixente. Algúns deles son candidatos a conseguir algunha medalla nunha das competicións máis importantes do calendario internacional da tempada.
David Cal terá unha dobre presenza. Logrou clasificarse no selectivo disputado en Verducido para o C-1 1.000 metros. O medallista olímpico, concentrado desde hai varios meses en Brasil, preséntase á cita como un dos favoritos polo seu brillante palmarés. O galego tamén formará parte do C-1 200 de substitucións xunto aos tamén galegos Adrián Sieiro e André Oliveira. Alfonso Benavides completa o equipo español nesta modalidade.
Adrián Sieiro tamén terá unha dobre presenza no Mundial. Ademais das substitucións, estará presente no C-1 500 metros, unha das regatas máis espectaculares de toda a competición.
Ton Campos e Diego Romero levan varias semanas preparando esta importante cita, considerada como unha das súas prioridades na actual tempada. Estarán no C-2 1.000 metros e tamén candidatos a estar no podio.
André Oliveira e Yeray Picallo afrontarán as probas de C-2 500 e 200 metros co desafío de lograr un bo resultado. O mesmo que Carlos Arévalo e Cristian Toro en K-2 200 metros. Ademais desta proba, os dous tamén estarán presentes nos revelos de K-1 200 metros xunto a Saúl Craviotto e Carlos Garrote.
Rodrigo Germade e Óscar Carreira formarán xunto a Javier Hernanz e Iñigo Pena a embarcación española do K-4 1.000 metros. É unha das apostas máis firmes para conseguir unha medalla. Sobre todo tras gañar a Copa do Mundo en Milán.
A representación masculina no Mundial complétana Rubén Millán e Diego Piña no K-2 500 metros. Lograron a súa clasificación nun esixente selectivo e tamén realizarán o esforzo de ter que pagarse eles mesmos a súa participación.
Ana Varela competirá en K-2 500 metros e tamén no K-4 na mesma distancia xunto a María Corbera, Isabel Contreras e Eva Barrios. Por tanto, un dobre esforzo para a padexeira tudense. As pontevedresas Raquel Rodríguez e Jenifer Casal competirán en C-2 500 metros.











