Unha campaña en redes sociais sortea viaxes á Coruña para promocionar as festas e o verán na cidade
O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo que preside Luisa Cid, puxo en marcha unha campaña en redes sociais denominada #SELFIECORUÑA. Vive unha #SUMMEREXPERIENCE! para promocionar a cidade no verán coas festas de María Pita, as praias e a gastronomía como grandes atractivos estivais.
A iniciativa, realizada en colaboración con Air Europa, inclúe o sorteo de tres estancias na Coruña cada unha con dous voos de ida e volta para dúas persoas con orixe Madrid e destino A Coruña e con dúas noites de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.
As persoas interesadas poden participar conectando o seu perfil de Facebook e facéndose seguidor de Turismo da Coruña. Para entrar no sorteo, o usuario deberá elixir unha das catro opcións propostas para facerse un selfie, catro lugares emblemáticos da cidade, e tamén deben responder a unha sinxela pregunta tras visionar un vídeo sobre o verán coruñés.
A campaña desenvolverase até o próximo 29 de agosto e forma parte da estratexia do Consorcio de Turismo baseada nunha forte presenza nas Redes Sociais co fin de situar e reforzar a imaxe da cidade en Internet como destino turístico de primeiro nivel, tanto no panorama nacional como no internacional, tal e como se fixo en San Juan cunha campaña centrada nos perfís sociais do Consorcio de Turismo.











