Un total de 90 menores participaron na ludoteca e no campamento de verán “Aventura Ferrol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta mañá aos menores que durante estas datas participaron na ludoteca de Esmelle e o campamento de verán de Covas “Aventura Ferrol”. Na clausura tamén participaron os concelleiros de Igualdade e Xuventude e Zona Rural, Verónica Casal Míguez e José Polo Veiga, respectivamente.

Un total de 90 nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos, participaron nestas dúas propostas de carácter lúdico e de animación que se clausuraron hoxe na zona rural de Ferrol. O festival de fin de campamento consistiu na entrega de diplomas e un agasallo para os participantes, que ademais realizaron sobre o escenario do local social de Covas diferentes actuacións de musicais.

Jose Manuel Rey manifestou o seu compromiso de incrementar o número de prazas dispoñibles para a vindeira edición así como o tempo de duración da ludoteca de Esmelle e o campamento de verán “Aventura Ferrol”. Así mesmo, destacou a importancia que ten estender ao rural estas actividades que fomentan a conciliación e ofrecen aos nenos/as un espazo de ocio e aprendizaxe durante as vacacións escolares. De feito, esta é a primeira vez que a zona rural de Ferrol conta con campamentos de verán gratuítos –xa tivo o ano pasado, tamén por primeira vez, campamentos de Nadal-.; e tamén foi unha novidade o feito de que a franxa de idade se ampliará a menores de 12 a 17 anos coa organización do “Aventura Ferrol”.

En canto ás actividades, a ludoteca de verán de Esmelle para menores de 3 a 12 anos estivo enfocada a fomentar a Igualdade entre os máis pequenos a través de actividades como aprender a poñer a mesa ou facer a cama. Así mesmo, tamén tiveron talleres de manualidades e de inglés, entre outros. No campamento de verán “Aventura Ferrol”, os rapaces de entre 12 e 17 anos realizaron rutas de sendeirismo para coñecer muíños da zona de Covas, visitaron apiarios, participaron na limpeza de ríos ou aprenderon a construír cabanas.

Outros campamentos de verán

“Ludoteca Verán” e “Aventura Ferrol” son dous dos catro campamentos gratuítos impulsados pola Concellería de Igualdade e Xuventude para a tempada estival. Así a estes dous celebrados no rural entre o 14 de xullo até a xornada de hoxe hai que sumarlle “Planeta Verán” -que ten lugar no Centro Cultural Carvalho Calero- e “Babyocio” que ten como sede as instalacións municipais da Casa da Xuventude. Ámbalas dúas propostas lévanse a cabo ata finais do presente mes.

14 de agosto de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.