Un total de 46 concellos da provincia de Pontevedra optarán á orde de axudas para concellos en Rede Natura
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou a posta en marcha da nova orde de axudas que establecen as bases para a concesión de subvencións a concellos incluídos na rede Natura, en total 46 na provincia de Pontevedra.
O Goberno galego destinará unha partida de máis de 1,8 millóns euros para os concellos galegos situados dentro da Rede Natura, dos cales 46 pertencen a provincia de Pontevedra. “Estas subvencións irán destinadas a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos”, explicou Cores Tourís.
“As axudas variarán segundo os proxectos presentados polos concellos”, comentou o delegado territorial, “podendo obter, como máximo, ata 20.000 euros para contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.
Esta orde de axudas ven a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas” explicou o responsable da delegación territorial da Xunta en Pontevedra. “O que se pretende con estas axudas”, apuntou, “é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”.
Neste senso, o delegado territorial destacou que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.
En total, poderanse ver beneficiados por estas axudas 46 concellos da provincia de Pontevedra (serían en total 47, aínda que habería que excluír nesta ocasión ao municipio de Tui, que conta con Rede Natura, pero que queda excluído xa que estas axudas non son compatibles o contar este concello co monte Aloia no seu territorio). Os concellos beneficiarios serán polo tanto, Salvaterra do Miño, Ponteareas, Agolada, As Neves, O Grove, Ribadumia, Arbo, Vilaboa, A Cañiza, A Illa de Arousa, Pontevedra, Pontecesures, Sanxenxo, Nigrán, Rodeiro, Baiona, Forcarei, Campo Lameiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, A Estrada, Vila de Cruces, Bueu, A Guarda, Cerdedo, Covelo, Valga, Vigo, Cotobade, Redondela, Silleda, Pazos de Borbén, O Porriño, Cangas, Fornelos de Montes, Lalín, Meaño, Moaña,Soutomaior, A Lama, Catoira, Crecente, Covelo, Mondariz-Balneario e Cambados.
O delegado territorial destacou no caso da provincia de Pontevedra os concellos de A Guarda, Bueu, Forcarei, O Grove, Tui e A Lama, nos cales máis do 20% da superficie destes municipios forman parte da superficie da Rede Natura. “A Rede Natura conta con case 26.000 hectáreas na provincia de Pontevedra, o que supón unha grande superficie natural que debemos coidar e conservar”, engadiu Cores Tourís.
Cores Tourís tamén lembrou que o ano pasado beneficiáronse destas axudas un total de 33 concellos cun investimento global de 637.000 euros.
“Grazas a estas subvencións no 2013 puidéronse levar a cabo varios proxectos como a preservación dos hábitats naturais da ribeira do Lérez, e, no caso da Illa de Arousa, a limpeza de camiños, saneamento do arborado e mellora da sinalización da ruta dos pirlos en Punta Carreirón”. “Ademais, en A Estrada estas subvencións permitiron o ano pasado a conservación da Ponte da Aldea Grande en Paradela, en Bueu a recuperación da antiga fábrica de salgadura e dos chozos de pastores en Cabo Udra, en Mondariz o acondicionamento do Centro de Interpretación da Natureza en Praia do Val, en Campolameiro o mantemento e conservación do parque botánico natural do Meneses, e en Cambados ao acondicionamento da senda fluvial do río Umia”, rematou o delegado territorial.











