Un total de 23 desempregados lucenses formaranse nun obradoiro sobre xestión e dixitalización documental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

Un total de 23 persoas desempregadas de Lugo comezan hoxe a súa formación no obradoiro ‘Arqueo Lvcvs’, un programa mixto de formación e emprego no que os participantes recibirán unha preparación de calidade nas especialidades de xestión documental, técnico de dixitalización de documentos e de dixitalización 3D do patrimonio documental.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, inaugurou hoxe este obradoiro de emprego no que os alumnos e alumnas participantes levarán a cabo, en concreto, a dixitalización da serie documental de actas capitulares do concello de Lugo; a organización, descrición e informatización dos fondos documentais depositados no servizo municipal de arqueoloxía en relación coas intervencións arqueolóxicas efectuadas en Lugo entre 1986 e 2013; a catalogación e implementación de metadatos nas imaxes dixitais; e a dixitalización 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico de Lugo.

Díaz destacou que, con este tipo de actuacións, a Xunta está a apostar por “unha formación certificada que mellore os currículums dos traballadores e traballadoras’. Neste senso, a directora xeral lembrou que a práctica totalidade dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Consellería en 2014 están vinculados á obtención dun destes certificados de profesionalidade. Desde 2009, máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia.

Así mesmo, resaltou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importante espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.

Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 10,2 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia de Lugo desenvolveranse un total de 13 programas, que beneficiarán a 41 concellos. Neles participarán 263 alumnos e alumnas e o financiamento superará os 2,3 millóns.

Por último, Díaz indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

29 de agosto de 2014 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.