Un total de 22 organizacións amosan o seu traballo social na Festa do Voluntariado en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A solidariedade amosa a súa mellor cara mañá, sábado 30 de agosto, na Festa do Voluntariado organizada pola Concellería de Xuventude e Voluntariado coa colaboración da Concellería de Traballo e Benestar e na que este ano participan 22 organizacións. Durante toda a mañá, as entidades amosarán ao conxunto da sociedade o traballo altruísta que desenvolven para axudar a diversos colectivos que presentan algún tipo de dificultade.

Talleres, actuacións e información son os ingredientes desta festa que ten como obxectivo achegar á poboación os programas e proxectos que desenvolven as entidades para que quen as necesite saiba a quen pode recorrer, e tamén para promocionar e recoñecer a importante labor do voluntariado, así como animar á practicalo en beneficio dos demais.

As asociacións que participan este ano na Festa do Voluntariado son no apartado de discapacitados: Asociación Bata, Por Dereito, Asociación de Disminuídos Psíquicos Con Eles, Lar Pro Saúde Mental, Asociación Galega de Linfedema e APACOS (Asociación de Padres del Centro Ocupacional de Saiar). No grupo de enfermidades e enfermidades crónicas estarán presentes AFASAL, Asociación Española contra o Cancro (AECC), AREVA, Ccanvihar e a Liga Reumatolóxica Galega.

O grupo de organizacións humanitarias compóñeno a Asociación Galega do Pobo Saharaui, Fundación Aldaba (menores), Cáritas Interparroquial de Arousa, Cruz Vermella do Salnés, Solidariedade Internacional de Galicia, Rede Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS) e Fundación Amigos de Galicia.

No apartado de axuda aos drogodependentes asisten á Festa a Fundación Galega Contra o Narcotráfico e Proxecto Home. Por último tamén participan no evento as organizacións de voluntarios da Asociación Protectora de Animais e Plantas e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía.

29 de agosto de 2014 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.