Un total de 131 postos participarán no mercado da Feira rural en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Feira Rural deste ano promete ser unha das máis concorridas de todas cantas se levan organizado. O departamento de Participación veciñal volve facer cadrar o evento cun Mercado local xusto, ao que confirmaron a súa asistencia un total de 131 expositores, 30 máis que o ano pasado. As previsións meteorolóxicas indican ademais que este sábado seguramente veña soleado, razón a maiores para que San Sadurniño se converta en punto de atracción comercial e turística para toda a comarca.

A lista de expositores inscritos recolle 32 postos de produtos da terra e alimentarios, 66 de artesanía, 21 de artigos de segunda man e intercambio, 5 viveiros de flor e planta e, por último, 3 de maquinaria agrícola. Canda eles haberá outros catro que non entran nas anteriores clasificacións pero que tocan dalgún xeito o comercio de proximidade ou o desenvolvemento rural, como é o caso de asociacións e entidades que, sen vender nada, promoven a sustentabilidade ou a responsabilidade no consumo.

Este ano a feira incorpora pequenas variacións con respecto aos anteriores. A data moveuse para o derradeiro sábado de agosto para garantir que haxa máis cantidade e variedade de froita madura coa que nutrir o concurso organizado en colaboración coa AGFA do Eume. Tamén cambia lixeiramente a distribución dos postos, de maneira que a segunda man irá á beira do río mentres que os puntos de entrada se reservarán para os expositores agroalimentarios e a artesanía.

Desde as 10 da mañá en que comeza a feira e ata as 19.30 que se clausurará haberá unha chea de actividades paralelas para todas as idades: obradoiros de cociña creativa, sorteos, visitas guiadas á horta de froiteiras e ao apiario didáctico, catas de sidra, cervexa e viño do país, actuacións musicais, paseos en canoa polo Xubia, así como unha exposición de cans de raza Palleira. De feito, cans de todos os tamaños e razas protagonizarán a mañá co gallo da III Copa Agility Concello de San Sadurniño, na que se porá a proba a súa capacidade para superar obstáculos no menor tempo posible e, por extensión, o caso que lle fan ás ordes de quen os adestra. E así ata compoñer máis dunha vintena de posibilidades de lecer.

Durante a feira tamén se organiza en colaboración co clube MTB Biela e Chaveta a xa tradicional Marcha cicloturista, que percorrerá 9 quilómetros do municipio sobre un trazado pensado para toda a familia pola súa baixa dificultade. As inscricións poden facerse xusto antes da saída, prevista para as 11.30h.

Con esta programación e co tempo que se prevé, o Concello agarda que a VI Feira Rural supere as anteriores edicións en canto a asistencia de público. Xente chegada de toda a volta que non só para na Cortiña, senón que tamén aproveita o día para coñecer San Sadurniño. De feito, dentro dos obxectivos municipais está o de que a feira sexa escaparate do potencial do medio rural e un argumento máis para dinamizar o tecido económico local do que se beneficia principalmente a hostalaría.

27 de agosto de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.