Un obradoiro no que se formarán 23 desempregados de Santiago dinamizará a zona Val de Roxos-Camiño de Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Un total de 23 persoas desempregadas de Santiago comezan hoxe a súa formación no obradoiro ‘Ecotur’, un programa mixto de formación e emprego no que os participantes recibirán unha preparación de calidade nas especialidades de dinamización e servizos de información e atención turística, deseño e mantemento de páxinas web e albanelería co obxectivo de poñer en valor a zona de Val de Roxos-Camiño de Fisterra.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, inaugurou hoxe este obradoiro de emprego no que os alumnos e alumnas participantes levarán a cabo, en concreto, a elaboración de recursos e materiais para a promoción do turismo ecolóxico de Val de Roxos-Camiño de Fisterra; a elaboración e mantemento de páxinas web do centro de visitantes ‘Val de Roxos-Camiño de Fisterra’, de ‘Val de Roxos’ e de ‘Camiño a Fisterra e Muxía’; e, por último, a rehabilitación da escola de Villestro como centro de visitantes ‘Val de Roxos-Camiño de Fisterra’.

Díaz destacou que, con este tipo de actuacións, a Xunta está a apostar por “unha formación certificada que mellore os currículums dos traballadores e traballadoras’. Neste senso, a directora xeral lembrou que a práctica totalidade dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Consellería en 2014 están vinculados á obtención dun destes certificados de profesionalidade. Desde 2009, máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia.

Así mesmo, resaltou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importe espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.

Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 50 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 9,5 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia da Coruña puxéronse en marcha 17 obradoiros que contaron cun investimento de 3,3 millóns de euros. Neles están a tomar parte 370 alumnos e alumnas.

Por último, Díaz indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

11 de agosto de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.