Un centenar de persoas participarán no IV Encontro Máster Internacional de Remo Tui 2014
Un centenar de remeiros e remeiras daranse cita este sábado en Tui para participar no IV Encontro Máster Internacional Remo Tui 2014. Este evento organizado polo Club Remo Tui, en colaboración co Concello de Tui, comezará ás 17h coa reunión de delegados e ás 18h comezarán as regatas de 8 feminino, masculino e mixto, e de 4 Scull feminino cun percorrido de 500 metros entre a vella ponte internacional e as gradas do Centro Interfederado de Tui.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de deportes, Nicolás Lorenzo, e o presidente do Club Remo Tui, Francisco Javier Álvarez, acompañados polos concelleiros José Ángel Villaverde e Marcelino Cendón, foron os encargados esta mañá de presentar esta proba deportiva.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradeceu ao Club Remo Tui a organización desta actividade, da que salientou a súa vistosidade xa que a regata poderá verse ao completo dende terra. Tamén sinalaba o bo ambiente que se vive neste Encontro Máster. Por outra parte aludía ao retorno que producen as actividades deportivas no comercio e na hostalería local.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, confiou en que esta actividade sexa esta fin de semana un éxito máis do deporte na cidade tendo coma marco o río Miño e as instalacións municipais de remo e piragüismo.
Francisco Javier Álvarez, presidente do Club Remo Tui, explicou que esta regata ten carácter amistoso de tal xeito que a inscrición pode realizarse de barco completo ou dos remeiros a nivel individual distribuíndoos logo a organización nos barcos. Na mesma danse cita tanto remeiros en activo coma outros que practicaron este deporte hai anos, e segundo explicaba nas anteriores edicións tras este Encontro Máster houbo participantes que volveron adestrar. Tras a regata rematarán a xornada cunha festa.











