Un centenar de feirantes instalaranse durante as Festas de San Roque na Tir e no Miguel Hernández
As Festas de San Roque en Vilagarcía seguen a representar unha praza moi atractiva para os feirantes a xulgar polo número de permisos tramitados ante o Concello para o funcionamento de atraccións e postos de venta ambulante para estas datas. Entre uns e outros suman 100 instalacións que se repartirán, como de costume, entre a explanada TIR e o Parque Miguel Hernández.
Dos 100 permisos concedidos polo Concello, 22 corresponden a atraccións de feira e carruseis que se emprazan xa na explanada TIR en base á distribución levada a cabo o xoves polo persoal de Emerxencias e Protección Civil coa presenza dos feirantes. As 78 autorizacións restantes son as dos postos de venta ambulante que tamén están colocados xa nas vías de paseo do Parque Miguel Hernández. Entre estes últimos hai 34 postos de comida e chucharías, 1 de libros, 12 de prendas de vestir, 14 tómbolas, e 18 de artesanía, coiro e bixutería.
Os permisos concédense polo período comprendido entre o 9 e o 24 de agosto.
O Concello recuperou hai dos anos a xestión da ocupación do solo público durante as festas co obxectivo de mellorar a ordenación e control dos postos, garantir a seguridade e evitar a competencia desleal. Por iso, entre outros requisitos, os feirantes deben presentar diversos xustificantes á hora de solicitar o permiso municipal, tal como inspeccións técnicas das atraccións, seguros, pago de autónomos, carné de manipulación de alimentos…
Tomas de terra e labores de descarga
Por outro lado, en resposta á denuncia realizada polo voceiro de IU en relación á instalación eléctrica das atraccións da TIR, o Concello asegura que é totalmente segura. Os cables aos que se refire Fajardo son precisamente unha medida de seguridade necesaria. Trátase de tomas de terra que teñen como obxectivo desviar á terra calquera fuga ou exceso de tensión das atraccións, por elas non flúe a corrente polo que non existe ningún risco de lategazos ou posibles descargas por contacto. Os técnicos explican que para garantir o seu correcto funcionamento como toma de terra, teñen que estar situadas nas proximidades das atraccións. En canto ás conexións eléctricas que subministran enerxía aos carruseis, todas elas están conducidas de xeito aéreo a 3 metros de altura, polo que quedan fora do alcance das persoas.
Por último, dende o Concello tamén se quere aclarar que os vehículos dos postos ambulantes so estiveron autorizados a acceder ao Parque Miguel Hernández a efectos de labores de montaxe dos postos e descarga da mercaduría. Unha vez rematados os traballos, tal como estaba previsto e avisado, os ambulantes retiraron os vehículos da zona verde.











