Un centenar de deportistas participarán no Torneo de Tenis Concello de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRibadumia
A-
A+

A Concellería de Deportes organiza a décimo quinta edición do Torneo de Tenis Concello de Ribadumia, que se disputa do xoves 14 ao 23 de agosto nos pavillóns de Ribadumia e de Sisán. Preto de 100 tenistas de toda a provincia estarán nesta proba, que se disputa nas modalidades xuvenil masculina e feminina para menores de 14 anos; e, para maiores desta idade, absoluta e dobres, masculinas e femininas.

A Concellería de Deportes de Ribadumia conmemora este ano a décimo quinta edición do torneo, convertida nunha cita deportiva de referencia no municipio e para moitos tenistas da comarca. Entre eles estarán os alumnos da Escola Municipal de Tenis de Ribadumia, que terán neste torneo unha oportunidade para amosar a súa destreza coa raqueta e demostrar todo o aprendido durante o curso.

O campionato comezará ás 15.30 horas nos pavillóns de Ribadumia e de Sisán. A organización xa informou persoalmente a cada participante dos horarios dos seus partidos, xogándose a final o sábado 23 ás 18.00 horas no Pavillón de Ribadumia.

A celebración do Torneo de Tenis Concello de Ribadumia inclúese dentro do compromiso da Concellería que dirixe Jorge Abal de espertar o interese dos veciños por diferentes modalidades deportivas a través da organización de competicións e de actividades, da dotación e mantemento de calidade das instalacións deportivas e do apoio ós clubs locais.

Desde a concellería tamén recordan que xa está aberto o prazo de inscrición para participar o próximo curso na Escola de Tenis Municipal de Ribadumia. As persoas interesadas en participar xa poden reservar a súa praza nas oficinas municipais. Como en anos anteriores, haberá grupos para nenos e para adultos. As clases, que comezarán co curso escolar, desenvólvense no Pavillon Municipal de Ribadumia.

13 de agosto de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.