Últimos días para presentar poemas no VIII Certame de Poesía Antón Zapata García
Dende o Departamento de Cultura, queremos recordar que estamos na última semana de prazo para presentar poemas aspirantes a gañar o VIII Certame de Poesía Antón Zapata García que por oitavo ano consecutivo, celebramos no noso concello, co motivo de promover a figura do poeta Antón Zapata García, orixinario destas terras, así como para impulsar o desenvolvemento da poesía como parte importante da nosa cultura.
Lembramos que o Certame está aberto a todos os veciños e veciñas do lugar, así coma a todas ás persoas que, alleas ó Concello de Laxe, desexen participar, podéndose inscribir nas categorías de infantil, xuvenil e adulta ata o próximo luns 18 de agosto ás 12:00 horas.
As bases para participar no Certame, poden recollerse directamente nas oficinas xerais, de Cultura e Turismo do Concello de Laxe ou ben, consultalas e descargalas directamente na nosa páxina web: http://www.concellodelaxe.com.
O resultado do xurado darase a coñecer o sábado 23 de agosto no coñecido coma Solpor Poético, que terá lugar, se o tempo o permite, no marco incomparable da Praia dos Cristais a partir das 20:00 horas. Neste acto, faránse entrega dos premios ós/ás gañadores/as do certame, que este ano consistirán en: un diploma acreditativo da súa condición de gañador/a do certame e, como novidade, nun cheque nominativo por valor de 100 € a invertir en bibliografía na Librería Torre Penedo de Laxe durante o restante mes de agosto.
Como vén sendo costume nesta tarde-noite de solpor, contaremos nesta xornada cunha actuación de corte musical e poético que protagonizará o cantautor galego Xoán Eiriz que, conxugando música e poesía, amenizará a velada, achegándonos un programa cheo de poesías musicadas, cantigas tradicionais e coñecidos temas universais en galego, interpretando tamén algún poema musicado e declamado do poeta laxense homenaxeado, Antón Zapata García.
Acompañado por un quinteto instrumental, presentará o seu décimoterceiro disco: “Dende as cordas do meu corazón”.