Últimas xornadas para apuntarse no Máster Terra da USC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Para esta quinta convocatoria do Máster Terra existen 22 prazas dispoñibles, 3 das cales son para a modalidade de matrícula a tempo parcial e 8 están reservadas a alumnos estranxeiros. Para apuntarse hai que rexistrarse e solicitar admisión na páxina da secretaría virtual da USC, cuxo enlace se atopa na web oficial do máster, materterra.usc.es.

Un máster flexible e de calidade

O Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio impartirase de setembro de 2014 a xullo de 2015, de luns a xoves e en horario de tarde, na Escola Politécnica Superior e no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, ambos os dous centros do Campus de Lugo. Non obstante, como novidade, agora poderá cursarse tamén na modalidade telepresencial, a través de videoconferencias, dende calquera parte do mundo.

A USC validará o título con 60 créditos, que se obterán ben durante un ano académico, ben durante dous, se se escolle realizar este máster a tempo parcial.

As clases ofreceranse en galego e en castelán, pero requírese un bo coñecemento do inglés para o seguimento de todas as actividades programadas, tales coma as presentacións de expertos internacionais.

O máster está tendo moi boa acollida entre o alumnado pola súa adaptación ás necesidades reais e urxentes de deseñar novos modelos de xestión dos usos do solo adecuados ás características de cada espazo. Trátase dunha esixencia de optimización proveniente de sectores coma o agrogandeiro e acrecentada polo enfoque da nova PAC, a ameaza dos incendios forestais e os conflitos urbanísticos.

Como indicador de calidade cabe destacar o elevado grao de colocación dos seus egresados, respondendo así á demanda laboral actual e amosando a importancia da xestión de terras e do territorio en todas as súas dimensións.

As saídas

As persoas que fagan este máster terán opción a un contrato de investigación de 6 meses e acceso ao doutoramento específico (DoctoraTe), e poderán colaborar con institucións de distintos países, facer prácticas no exterior durante o período lectivo, formarse nas últimas tecnoloxías da información xeoespacial ou ver publicados os seus traballos de fin de máster.

1 de agosto de 2014 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.