Últimas horas para formalizar a matrícula no Máster Terra da USC
A Universidade de Santiago de Compostela conclúe mañá, mércores 6 de agosto, o período para matricularse na quinta convocatoria do Máster Terra, para a que existen 22 prazas dispoñibles. Os interesados deberán rexistrarse e solicitar a admisión na páxina da secretaría virtual da USC, á que poden acceder directamente desde a web oficial do máster, masterterra.usc.es.
Un máster flexible e de calidade
O Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio está tendo moi boa acollida entre o alumnado pola súa adaptación ás necesidades reais e urxentes de deseñar novos modelos de xestión dos usos do solo adecuados ás características de cada espazo. Trátase dunha esixencia de optimización proveniente de sectores coma o agrogandeiro e acrecentada polo enfoque da nova PAC, a ameaza dos incendios forestais e os conflitos urbanísticos.
O máster impartirase de setembro de 2014 a xullo de 2015, de luns a xoves e en horario de tarde, na Escola Politécnica Superior e no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, ambos os dous centros do Campus de Lugo. Non obstante, como novidade, agora poderá cursarse tamén na modalidade telepresencial, a través de videoconferencias, dende calquera parte do mundo.
A USC validará o título con 60 créditos, que se obterán ben durante un ano académico, ben durante dous, se se escolle realizar este máster a tempo parcial.
As clases ofreceranse en galego e en castelán, pero requírese un bo coñecemento do inglés para o seguimento de todas as actividades programadas, tales coma as presentacións de expertos internacionais.











