Ultímanse as labores de organización e clasificación do fondo xudicial do antigo xulgado de Lavadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
Bravo Bosh e Martín na visita ao depósito do xulgado

Bravo Bosh e Martín na visita ao depósito do xulgado

A Xunta ultima os traballos de organización e clasificación da documentación do antigo Xulgado Municipal de Lavadores que a partires de setembro pasará a formar parte dos fondos históricos e documentais autonómicos. O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Maria José Bravo Bosch, achegáronse esta mañá ao depósito dos xulgados da cidade para interesarse polo traballo de modernización, organización e clasificación que está a desenvolver o persoal do arquivo da Xunta en diversos xulgados galegos.

Mediante esta labor de expurgo, estase levando a cabo un inventario dos inxentes fondos documentais que gardan os xulgados da nosa Comunidade determinando cales son dignos de se conservar polo seu interese histórico e cales se poden eliminar. Con esta medida, prevese que as sedes xudiciais galegas gañen un 75 por cento de espazo, ao tempo que se facilita o acceso á documentación que queda e conservar o patrimonio galego, como vai ocorrer con este fondo xudicial vigués. Ademais, esta iniciativa supón un paso máis adiante no obxectivo de modernizar a Administración de Xustiza, no que a Xunta leva traballando dende a pasada lexislatura.

No caso concreto de Lavadores, hai que destacar que dentro da laboriosa tarefa de conservación -a documentación rescatada ocupa 260 caixas, 30 metros lineais-, tamén se elaborou unha base de datos coa descrición dos expedientes que forman parte do fondo. Como resultado, confirmouse que a maior parte dos expedientes correspóndense a procesos xudiciais civís, aínda que tamén se localizaron libros de rexistros e algúns expedientes persoais.

A revisión e conservación dos arquivos resulta unha tarefa necesaria debido a proliferación de insectos bibliófagos e fungos prexudiciais para a documentación. Ademais, esta acción permitirá gañar capacidade a este deposito, xa que a falta de espazo supuña un problema á hora de recibir transferencias das oficinas.

A decisión de conservar permanentemente esta documentación responde ao seu enorme valor histórico para a reconstrución da historia social e xudicial dunha entidade cuxa independencia xurídica xa desapareceu. Ademais, resultará de gran relevancia para o estudo da historia da delincuencia, da sociedade e das mentalidades deste territorio; especialmente nunha época tan convulsa como poden ser os anos previos á guerra civil e os inmediatamente posteriores. Precisamente, este é un dos criterios do Ministerio de Cultura para a valoración que determina a conservación documental; criterio que xa se aplicou a principios deste ano cando apareceu nos xulgados da Coruña un expediente histórico sobre o proceso a Santiago Casares Quiroga, antigo presidente da República.

Lavadores foi concello independente desde 1836, ano da súa creación, ata 1941 en que foi anexionado ao concello de Vigo; é dicir tivo rango de concello durante máis dun século. Actualmente, é unha das parroquias máis poboadas da cidade olívica. A documentación conservada no depósito dos xulgados de Vigo comprende dende o ano 1929 ata o 1981.

5 de agosto de 2014 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.