Última fase das tarefas de renovación da varanda do paseo marítimo de Caión
A varanda que percorre o tramo urbano do paseo marítimo de Caión presenta xa un renovado aspecto. Os traballos que se está a realizar atópanse na última fase de execución e nos próximos días daranse por concluídos.
As actuacións son financiadas pola Demarcación de Costas do Estado en Galicia -organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente- e consistiron na retirada das estruturas de ferro, que foron reparadas e recibiron un tratamento para eliminarlles o óxido, impurezas e sucidade antes de aplicarlles a pintura para, por último, recolocalas no seu correspondente emprazamento, mantendo unha aparencia idéntica á orixinal.
As últimas labores que están a realizar os operarios consisten no acondicionamento da madeira que coroa as pezas metálicas a modo de pasamáns.
Os traballos afectan a unha lonxitude de 441 metros, desde a entrada principal do paseo marítimo xunto á praza Eduardo Vila Fano (a carón da Confraría de Pescadores) ata a zona do Campo da Ínsua. Mentres se realizaron as actuacións, e para garantir a protección dos peóns, colocáranse temporalmente valados plásticos que xa foron retirados.
Deste xeito, ademais de reforzarse a seguridade, esta actuación mellorará a estética nun tramo moi frecuentado por peóns, especialmente no verán por tratarse dunha importante zona a nivel turístico, pero tamén ao longo do resto do ano, ao ser un ámbito de carácter residencial.
A Demarcación de Costas do Estado en Galicia financiou este proxecto en Caión na procura de tres obxectivos. Por unha parte, reparar os danos provocados polos temporais que soportou a costa galego durante o pasado inverno. Os outros dous propósitos están relacionados co reforzamento da seguridade para os viandantes e a mellora estética nesta zona.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, acudiron hoxe a Caión para interesarse polo desenvolvemento destas actuacións.











