Teo demanda á Deputación que acometa os desbroces das estradas provincias de xeito urxente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O concelleiro de Servizos Básicos de Teo, Xurxo Francos, demanda que a Deputación Provincial da Coruña, comece de xeito inmediato o desbroce nas gabias das estradas da súa titularidade. “Entendemos que hai moita carga de traballo nestes meses pero hai zonas da rede viaria provincial moi perigosas e que non poden estar sen limpar” explica o edil.

A crítica a esta situación xurdiu de novo na sesión plenaria do mes de xullo, o pasado xoves 31, onde todos os grupos políticos coincidiron en pedir que a Deputación teña celeridade na realización destas labores de limpeza. O propio concelleiro explicou durante o pleno que “a limpeza nas vías propias estase facendo dende maio respectando o calendario das festas e celebracións nos lugares”.

En relación coa Deputación o edil denuncia que “reiteradamente ano tras ano retrasan a contratación dos traballos e a limpeza en Teo, metidos xa no mes de agosto, aínda non comezou”. Deste xeito nestes momentos hai zonas de especial perigo como a ponte, o carón do cemiterio de Luou na estrada que vén cara a Ramallosa, ou as curvas das Laxes en Cacheiras. Na zona de Oza tamén hai vías provinciais con moita falta de desbrozar, que dan servizo a parroquias como Santa María de Teo, Bamonde ou Vilariño.

Na sesión plenaria Xurxo Francos tamén lembrou que hai zonas verdes que non teñen un mantemento axeitado por parte da Xunta de Galicia, como un espazo en Cacheiras, diante do restaurante Os Robles. Neste caso trátase dun terreo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia co agravante de que se ten solicitado a súa cesión ao Concello sen éxito. Tamén se demanda dende o Concello unha maior atención aos equipamentos deportivos e de ocio na autovía Santiago-A Ramallosa de titularidade autonómica.

4 de agosto de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.