Teleasistencia, atención sociosanitaria e dinamización comunitaria centran os primeiros cursos de aQuelando
Teleasistencia, Atención Sociosanitaria e Dinamización Comunitaria son os temas centrais das primeiras tres actividades formativas que a Deputación de Pontevedra iniciou hoxe na terceira edición do programa aQuelando.
Os tres cursos forman parte dunha iniciativa impulsada pola Administración provincial para facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo.
Nesta terceira edición está previsto que poidan formarse un total de 360 persoas en 24 cursos que se organizarán en diferentes puntos da provincia.
Os primeiros foron inaugurados esta mañá no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra, onde 15 desempregados se forman na Xestión de Chamadas de Teleasistencia; en Ponteareas, cun curso sobre Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, con outros 15 alumnos e que se está a impartir no Centro de Desenvolvemento Local; e en Valga, onde outras 15 persoas reciben formación en materia de Dinamización Comunitaria, nunha actividade que se imparte no Centro Ocupacional do municipio arousán.
A estes cursos sumaranse outros seis a vindeira semana, que se desenvolverán en Pontevedra e Ponteareas e versarán sobre Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais; Inserción Laboral de Persoas con Discapacidade; Limpeza de Superficies e Mobiliario en Edificios e Locais; e Animación de Actividades Físico-deportivas.
Os 15 restantes iranse organizando ó longo do ano ata darlles cobertura a 360 desempregados, especialmente a aqueles con maiores dificultades para atopar traballo.
Inserción laboral
A deputada Begoña Estévez, que participou na apertura dos cursos en Príncipe Felipe, destacou o éxito deste programa e a oportunidade que representa para os alumnos, que poderán obter así o certificado de profesionalidade e mellorar as súas perspectivas de inserción no mercado laboral.
Cómpre lembrar que a Deputación logrou xa a inserción laboral de medio cento de persoas por medio destes cursos do programa aQuelando.











