Sesión de contacontos de Raquel Galavís na Biblioteca de Verín
Na xornada de mañá sábado 02 de agosto, as instalacións da Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerán, ás 18 horas, a iniciativa ‘Cantacontos’ de Raquel Galavís.
Os contos de Raquel Galavís levarán aos nenos/as a un mundo de fantasía para poder soñar e crecer imaxinando. As verbas mistúranse coas imaxe das ilustracións dos libros e coa música do guitarrista Mato Armada para dotar a receita dun universo propio, o universo das historias narradas, escoitadas e sentidas dende o corazón que atraparán a todos/as nenos/as participantes e lograrán que se levanten do chan para cantar e bailar animadamente.
Raquel Galavís, actriz e presentadora de televisión, conta cunha importante experiencia no sector audiovisual e publicitario, entre outros. Esta iniciativa, organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Verín e a Xunta de Galicia, enmárcase no programa ‘Ler conta moito’, que tamén traerá a Verín a Xanela Ocio e Raquel Queizás.











