Seis promesas da música compiten para converterse en gañadores dos concertos de verán do C.C. Arousa
Tres novos solistas e tres grupos emerxentes do panorama musical galego subiranse ao escenario do Centro Comercial Arousa para actuar en directo e competir, a partir do próximo sábado 9 e até o 13 de setembro, na terraza da 2º planta, por alzarse como gañadores da primeira edición do concurso Os Concertos de Verán, cuxo premio será a gravación dunha maqueta nun estudo profesional.
Os seis finalistas – Alexandra Carreira e Alexánder Gómez (Vilagarcía); Dani Cornes (O Grove); Gaifonía (Marín); Arantxa Pérez e Gabriel Miguéns (Catoira); Senectude Sideral (A Coruña)e The Trunks ( A Coruña)- deberán demostrar nesta última fase do concurso as súas dotes musicais e a súa capacidade para chegar e entusiasmar ao público asistente durante un concerto dunha hora aproximada de duración, na que interpretarán tanto temas propios como versións doutros artistas, e que será valorado por un xurado formado por membros da Comunidade de Propietarios e do equipo directivo do centro. Todos os concertos celebraranse ás 21:00 h. e estarán abertos ao público.
Tres dos seis finalistas, concretamente Alexandra Carreira e Alexánder Gómez, Gaifonía e Arantxa Pérez e Grabriel Miguéns, pasaron directamente a esta segunda rolda do certame ao levantarse como os favoritos dos fans do centro comercial en Facebook grazas ao seu vídeo de presentación, co que obtiveron 192, 185 e 142 votos respectivamente. Os outros tres finalistas foron elixidos entre todos as candidaturas recibidas por membros da Comunidade de Propietarios do Centro e de acordo cos criterios recolleitos nas bases do certame.
Candidatos ao premio
O grovense Dani Cornes será o encargado de abrir esta fase decisiva do concurso o vindeiro sábado 9, ás 21:00 h. Autodidacta e coñecido polo xa popular versión do Gangnam Style, do rapero coreano Psy, o Rías Baixas Style– coa que revolucionou a Rede o ano pasado e que conseguiu até o momento superar as 719.600 visitas en Youtube-, este mozo de 17 anos e estudante de Bachillerato de Artes Escénicas en Pontevedra, interpretará cancións do seu primeiro traballo Dan, de marcado estilo indie e que presentou recentemente (pódese descargar gratuitamente en danicornes.bandcamp.com).
O xoves 14 será a quenda para que a vocalista catoiresa Arantxa Pérez, que estará acompañada por Gabriel Miguéns á guitarra, demostre o seu talento. Descubriu a súa afección pola música aos 9 anos, o que a levou a participar en programas infantís de televisión como Téquele Téquele, da Televisión de Galicia. Con 15, comezou xa a dar os seus primeiros pasos profesionais como cantante, amenizando vodas e festas familiares, e aos 18 iniciouse no mundo do espectáculo como integrante de diversos grupos e orquestras. Actualmente, comezou a compor os seus propios temas, algúns dos cales formarán parte do repertorio que interpretará durante a súa actuación, e que combinará con versións de cancións pop-rock que definen o seu estilo musical.
A nova banda coruñesa Senectude Sideral, integrada por Álex Fernández (batería, xilófono e coros), Javier Pernas (voz e guitarra), Alberto Rodríguez (guitarra, ukelele e mandolina) e Álvaro Sánchez (baixo, teclado e xilófono), protagonizará o concerto do sábado 23. Con tan só 19 anos e tres anos de andaina como grupo, xa cultivaron os seus primeiros éxitos en forma de premios, recibindo pola súa canción Berlín o galardón á mellor banda sonora no concurso de curtametraxes Rec-Curta (2012).
A nova era, Café parisiense, Fin temperán do universo ou O gran teatro do fútbol serán algúns dos temas propios cos que farán vibrar ao público.
Os acordes da música tradicional e de autor galega chegarán o sábado 30 da man de grupo marinense Gaifonía, que competirá cunha proposta innovadora que tenta revitalizar e devolver o protagonismo ao son da música de charanga coa que nos anos 60 animábanse as festas populares de Galicia. Gaifonía está integrado por Felipe Rea (gaita), Eva Campos (clarinete) e Juan Tueros (percusión), todos eles con estudos musicais e con varios premios ás súas costas.
A nota local estará posta por Alexandra Carreira (voz), a única representante oriúnda de Vilagarcía con aínda opcións no concurso, e que actuará xunto a Alexánder Gómez (guitarra), o 6 de setembro.
Alexandra é xa popular entre o público vilagarcián pola súa participación en diferentes talents shows televisivos en España e Portugal, como Tú si que vales, Rising Star ou Recantos de Luar. Interpretará, en acústico, versións de temas de música soul e pop.
O grupo sadense The Trunks pechará esta última fase de concertos coa súa actuación o sábado 13 de setembro. Esta banda de indie rock alternativo formada por Rodrigo Valente (voz e piano), Rob Toretto (batería), Fran Yosi (guitarra), manuel Nuky (guitarra) e Rubén Suárez (baixo), compartiu xa cartel con grupos da talla de Vetusta Morla, Love of Lesbian ou Russian Red, en festivais como Sonorama ou o Sardines de Sada. No mes de agosto estrearanse como teloneiros dos suaves, unha oportunidade que lles brindou o ser os gañadores da última edición do concurso Batalla de bandas de Sada.
Sinceramente ti, Instintos primarios ou Bipolar son algúns dos temas propios cos que tentarán gañarse ao xurado para facerse co premio.
Unha vez finalizados todos os concertos, o xurado reunirase para avaliar cada unha das actuacións, baseándose na posta en escena, son, interpretación, orixinalidade dos temas, capacidade de convocatoria e de conexión co público, entre outros elementos. O nome do gañador darase a coñecer na segunda quincena de setembro.
Cos concertos de verán, o Centro Comercial Arousa trata de apoiar a carreira musical de grupos emerxentes de Galicia, que buscan unha oportunidade para demostrar o seu talento. O obxectivo é ofrecerlles unha plataforma que lles axude a dar a coñecer a súa música, a coller táboas sobre o escenario e a interactuar co público.











