Santiago Futsal recibe a ‘El Gallego’ Rodríguez

El Gallego
O Santiago Futsal recibiu onte ao xogador arxentino ‘El Gallego’ Rodríguez, que se incorporou ao adestramento de tarde no pavillón de Santa Isabel.
‘El Gallego’ chegou á cidade compostelá o día de onte e xa se exercitou baixo as ordes do equipo técnico do club, aínda que á marxe dos seus compañeiros, para recuperarse das longas horas de viaxe.
O mozo de 22 anos e internacional coa albiceleste, chega a club santiagués para facerse co papel de goleador, que xa posuía na liga Arxentina ao ser o máximo anotador con 52 tantos na competición.
Tamén Cillo, xogador que se atopa a proba durante a pretemporada co equipo, incorporouse esta mañá ao adestramento tras recuperarse do proceso vírico que lle impediu asistir o luns.
Pola súa banda, Lucas Birlo, que viaxaba a Santiago de Compostela con ‘El Gallego’, non puido incorporarse ás filas do equipo branco debido a problemas imprevistos na documentación do xogador que fixeron que tivese que regresar ao seu país. O club traballa para incorporar ao xogador canto antes.











