San Sadurniño comeza os trámites para a contratación das obras de aglomerado da pista da Bidueda
Esta semana entra en vigor a modificación de crédito aprobada no pleno do pasado mes de xullo a través da que se incorporaron ao orzamento municipal deste ano un total de 212.000 euros que se destinarán ao arranxo de pistas. A contía máis importante, 149.900 euros, investiranse en aglomerar a estrada que vai desde a Bidueda ata o lugar do Chao, en Naraío. A obra financiase con cargo ao DTC 93 provincial e o Concello comezará nos próximos días o proceso de contratación dos traballos.
A pista en cuestión é un dos principais eixos de comunicación entre a parroquia de Naraío e o centro urbano. É, ademais, unha das vías que máis tráfico soporta en San Sadurniño, xa que recolle grande parte do tránsito dos lugares da A Vila, O Piñeiro, O Pico, O Chao, Campolabrado, A Penavidreira, As Nabeiras, A Fraguela e Vilarxá cara ao nucleo municipal. Ten unha distancia de 3,4 quilómetros e une a C-641 -a estrada vella das Pontes- e a CP-7601, que vai desde San Sadurniño ata Igrexafeita pasando por Ferreira.
Os pregos técnicos definen unha obra que se fará con asfalto aglomerado para deixala lista por moitos anos. O Concello busca garantir a máxima durabilidade e por iso o que máis se valorará á hora de adxudicar o traballo será a mellora do grosor do firme. Desta maneira, a empresa que presente un proxecto con máis cantidade de aglomerado será a que obteña máis puntos no apartado técnico. Por outra banda, as empresas que concorran ao proceso de contratación tamén poderán obter puntos propoñendo mellores conexións da pista coa saída de camiños e accesos adxacentes que hai a un e outro lado de todo o percorrido.
Esta non será a única obra de envergadura que se acometerá na rede viaria municipal a curto prazo. O Concello tamén ten a punto o proxecto técnico para levar a cabo un programa de rebacheos que chegará a todo o territorio. Neste caso investiranse 62.000 euros, procedentes do resultado orzamentario positivo de 2013.











