Sácase a concurso a construción do novo centro cívico da Cidade Vella
O Concello da Coruña saca a concurso as obras de rehabilitación e reestruturación parcial do edificio do antigo Goberno Militar para a posta en funcionamento do centro cívico e do local para a asociación de veciños da Cidade Vella. O prazo para que as empresas presenten propostas finaliza o 22 de agosto, ás 13.00 horas.
Aprobado o expediente de licitación na Xunta de Goberno Local da semana pasada, o Concello saca agora o proxecto a contratación. O Executivo municipal, que logrou a cesión gratuíta do edificio por parte do Ministerio de Facenda e Administración Pública, inviste 544.499 euros e o obxectivo é que as obras empecen no último trimestre deste ano para que, mentres se executan -o prazo é de 4 meses- se licite o equipamento ao longo do primeiro trimestre de 2015.
O Concello avanza así no seu compromiso de cumprir cunha vella demanda dos residentes do centro histórico da Coruña, tramitando o expediente de licitación polo procedemento de urxencia para responder canto antes a esta solicitude dos veciños da Cidade Vella de fai máis de 20 anos.
Dos 3.800 metros cadrados de superficie construída e distribuída en catro plantas, rehabilitaranse 897,55 metros cadrados, distribuídos entre a planta baixa (294,47), a primeira (260,08) e a segunda (343). Entre as principais obras que se executarán, destacan:
– Restauración da porta da rúa Veeduria máis próxima á rúa Amargura, onde se mellorará a accesibilidade para facilitar a entrada ao centro cívico. Tamén se acondicionarán as xanelas de madeira onde se situará o novo centro cívico.
– Recuperación da estrutura existente no interior do edificio e a instalación dun ascensor panorámico no patio interior e a prolongación da escaleira principal que actualmente une a planta baixa coa primeira para que chegue até o segundo piso.
– Instalación da rede eléctrica, de fontanaría e calefacción e dos sistemas de protección contra incendios; ademais de amoblar a aula de cociña.
Esta iniciativa súmase a outras promovidas polo actual equipo de goberno para mellorar os equipamentos públicos dos barrios e a calidade de vida e a oferta de lecer e cultural dos veciños, como é a posta en marcha do centro Boandanza no Agra do Orzán ou o recentemente presentado Quiosco Cívico de Catro Camiños.











