Ricardo Díaz – Casteleiro é designado como representante municipal na Fundación de Galicia Obra Social
O Pleno de Ferrol, en sesión ordinaria, aprobou esta mañá, a proposta de designación do novo representante do Concello de Ferrol na Fundación de Galicia Obra Social. Así, o Goberno Municipal acordou nomear ao presidente da Sociedade Artística Ferrolá (SAF), Ricardo Díaz-Casteleiro Romero, como patrón da fundación en representación de Ferrol.
Esta decisión adoitada na sesión plenaria de hoxe responde ao requerimento da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e cumpre cos requisitos establecidos polo órgano autonómico. Entre eles, a persoa que ocupe o cargo de patrón deberá exercer con coñecementos e experiencia en materia económica, financeira ou xurídica, ou nas materias social, cultural, científica, artística ou educativa, ou calquera outra que sexa obxecto da actividade da Fundación. Así, o Goberno Municipal considerou a Ricardo Díaz-Casteleiro como o candidato máis axeitado para representar a Ferrol por ser unha persoa respectable no mundo artístico da cidade e axustarse ao perfil requirido.
Ricardo Díaz-Casteleiro Romero está licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especializado en Traumatoloxía do Deporte na Universidade Católica de Murcia. O representante de Ferrol na Fundación de Galicia Obra Social tamén é membro fundador da Asociación Galega de Medicina do Deporte (AGAMEDE) e exerce como Médico Civil do Ministerio de Defensa na base naval de A Graña-Ferrol. Ademais de autor de diversos traballos sobre temas médicos e de divulgación, Díaz-Casteleiro Romero é estudoso da obra do Premio Nobel galego Camilo José Cela e está en posesión da Cruz do Mérito Naval e da distinción de Cabaleiro da Orde do Camiño de Santiago. Ricardo Díaz-Casteleiro representará a Ferrol na primeira reunión do Padroado da Fundación, que se celebrará o vindeiro 2 de setembro no Centro Social da Fundación en Vigo.











