Recíbense 14 propostas para a primeira fase da reurbanización da rúa Federico Tapia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que se presentaron un total de 14 propostas para a reurbanización da primeira fase da rúa Federico Tapia. O proxecto, que se sacou a concurso mediante procedemento aberto, conta cun orzamento de 1.079.878 euros.

A remodelación da rúa Federico Tapia é un novo proxecto que impulsa a Concellaría de Infraestruturas dentro do plan municipal de modernización de espazos públicos e que ten, entre os seus principais obxectivos, a mellora da accesibilidade e a revitalización da actividade económica e comercial da zona. A primeira fase desta actuación, que alcanza os 5.150 metros cadrados, acometerase por tramos: entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, por unha banda, e entre as prazas de Vigo e de Galicia, polo outro.

Cun prazo de execución máximo de 8 meses, o obxectivo é empezar as obras no tramo entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, para que estean terminadas antes da campaña de Nadal; e, a continuación, ao concluír estes traballos e despois da campaña do Nadal, empezarase o tramo entre as prazas de Vigo e de Galicia. É dicir, que se desenvolverá por fases dentro do espírito do actual equipo de goberno de compaxinar os traballos coa actividade diaria dos cidadáns.

Esta nova actuación pretende favorecer a mobilidade na zona, así como renovar o pavimento, mellorar a rede de sumidoiros e os puntos de iluminación pública co obxectivo final de revitalizar unha das vías principais do centro urbano e que une os barrios de Catro Camiños, A Falperra e o Ensanche co centro da cidade.

SEGUNDA FASE

Este proxecto de urbanización de Federico Tapia contará cun orzamento final de 1,79 millóns de euros, pois tamén está programado desenvolver unha segunda fase na que se convocará un concurso de ideas e incluirá a reurbanización da praza Antonio Tenreiro -uno dos fundadores do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-, unha superficie que rolda os 3.340 metros cadrados. Como xa ocorreu noutros proxectos, como a reordenación do paseo marítimo, o Concello contará coa colaboración dos colexios profesionais para este concurso de ideas. Para executar esta segunda etapa do proxecto, o orzamento roldará os 700.000 euros.

27 de agosto de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.