Quenda de Marcos Vara e Iker López no Santiago Futsal

Presentación de Marcos Vara e Iker López
O Santiago Futsal segue co seu ‘tour’ de presentacións e hoxe foi a quenda dos gardametas do conxunto branco: Marcos Vara e Iker López.
Porteiros de gran proxección e de titularidade indiscutible nos seus anteriores equipos, ambos comparten a honra de defender a portaría da selección española sub-21.
Marcos regresa ao Santiago Futsal, a súa segunda etapa no equipo santiagués, tras o seu paso polo Marfil Santa Coloma e o Baku United londiniense. Un equipo moi diferente e con obxectivos máis humildes que aquel que en 2010 conseguiu a Supercopa de España e do que Marcos foi partícipe. A súa decisión de volver foi clara e rotunda “se estou aquí é porque me sento identificado co equipo, co adestrador e coa maneira de traballar; creo que é a mellor”.
Iker López, o segundo gardameta presentado hoxe, e o máis novo con 21 anos, xa debutou na LNFS con Inter Movistar e foi porteiro do filial do conxunto madrileño en 2ºB. Iker non o pensou ante a chamada do Santiago “era unha gran oportunidade para min, xogar no Santiago, un clásico da liga e cun persoal novo”.
Calidade e seguridade baixo paus na figura de dous porteiros que traballarán duramente para facerse coa portaría do Santiago Futsal.











