Preto de 1.200 persoas participaron no programa de actividades de verán da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O programa municipal de actividades culturais, deportivas e educativas de verán que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto alcanzou neste ano o récord de participación, achegándose ás mil duascentas persoas entre as quince disciplinas ofertadas, datos que son a mellor proba da calidade das propostas e a boa valoración por parte do público.

O Concello da Laracha puxo en marcha, como cada verán, esta iniciativa cos obxectivos fundamentais de ofrecerlles aos veciños posibilidades de aproveitamento do seu tempo libre e facilitar a conciliación persoal e laboral das familias durante as vacacións nos centros escolares, xa que a maioría das disciplinas foron dirixidas a nenos.

Como sucede cada verán, o evento que contou cunha maior participación foi o Día da Bici, cun percorrido a dúas rodas desde A Laracha a Caión pasando previamente por Paiosaco e tocando, así, os tres cascos urbanos do municipio. Este ano celebrouse a 27ª edición e houbo preto de 400 persoas a pesar de que foi preciso cambiar a data inicialmente prevista por causa das condicións climatolóxicas adversas.

Tamén os ciclistas foron protagonistas rutas en bicicleta de montaña que se organizaron coa colaboración do club “Laracha en dúas rodas”. Foron catro en total e a última terá lugar mañá sábado, con saída da Praza do Concello ás 10.00 horas.

Outra das propostas clásicas da programación estival son os campamentos de verán, dirixidos a rapaces de 8 a 15 anos de idade. Entre as dúas quendas que se desenvolveron participaron máis de cen rapaces. O outro campamento que se realizou foi o urbano de educación en igualdade, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia e ao que asistiron 75 nenos de 3 a 7 anos, tamén entre as dúas quendas levadas a cabo, ambas dunha semana de duración.

O Concello continuou apostando outro ano máis por ofrecer os campus dos dous deportes máis practicados por rapaces no noso municipio: fútbol e baloncesto. Conxuntamente alcanzaron case douscentos participantes.

Os deportes náuticos tamén tiveron cabida no programa. Caión acolleu cursillos de iniciación ao surf e ao pádel surf e percorridos en kaiak polo porto, neste último caso organizados en colaboración coa Asociación Recreativa Club Náutico de Caión. Tamén houbo saídas ao río Ulla para practicar ráfting e ao Eume para iniciarse no piragüismo.

A programación de verán completouse cos habituais cursos de manualidades e pintura ao óleo de dous meses de duración, o torneo de fútbol 3×3, a xornada de xogos recreativos desenvolvida na piscina municipal e ás dúas saídas ao parque acuático de Cerceda.

Unha vez que está practicamente rematado o programa de verán, o Concello xa traballa na elaboración do de inverno. En próximas datas, e como vén sendo habitual nos últimos anos, ofrecerase a posibilidade aos veciños da Laracha de participar en diversidade de cursos e actividades desde primeiros de outubro e ata o mes de maio, cunha ampla oferta que, na medida da previsión de participación, poderá ser descentralizada e levada aos núcleos de poboación rural ao dispoñer de centros socioculturais nas trece parroquias que conforman o noso municipio.

29 de agosto de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.