Presentouse a proba de surf Pantín Classic Galicia Pro esta mañá na Praia de Pantín
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo hoxe como exemplo de desenvolvemento turístico sostible a proba de surf Pantín Classic Galicia Pro, cuxa 27 edición presentou esta mañá na Praia de Pantín, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e outras autoridades locais da comarca de Ferrolterra.
Na presentación participaron, ademais dos representantes institucionais, os gañadores da pasada edición, Nikki Van Djik e Steven Pierson, e os mellores surfistas galegos, o vigués Gony Zubizarreta e a ferrolá Yolanda Rodríguez.
Para a directora de Turismo de Galicia o Pantín Classic Galicia Pro “constitúe un potente elemento dinamizador turístico que dá a coñecer a nivel internacional as bondades de Ferrolterra, unha comarca que cada ano atrae a máis visitantes”, como demostran as últimas cifras de ocupación hoteleira.
Así, Nava Castro lembrou que no pasado mes de xullo, foron más de 14.000 os viaxeiros que se aloxaron nos establecementos hoteleiros de Ferrolterra, o que supuxo un incremento do 15,5% con respecto ao mesmo mes do ano 2013.
Ademais, referiuse ao número de pernoctacións na zona, que tamén subiron considerablemente, “concretamente un 18,5%, con preto de 35.000 durmidas nun só mes. Esta mellora produciuse como consecuencia do bo comportamento do turismo nacional que se incrementou nun 14,7% e mais o internacional que subiu nun 36%.
Promoción do evento
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia manifestou que a Xunta “apoia incondicionalmente este certame” e, así, o departamento autonómico de turismo “afiánzase como un dos colaboradores principais deste evento”.
Segundo dixo na súa intervención, a achega da Administración turística galega á difusión do Pantín Classic Galicia Pro concretouse nun acordo de colaboración cos organizadores para o desenvolvemento da proba e outras actuacións, como a promoción realizada en Tokío, “onde mostramos in situ as potencialidades turística de Galicia como destino para a práctica do surf e o turismo activo aos membros da Asociación Profesional de Surf de Xapón e aos xornalistas e axentes de viaxes especializados en surf e turismo activo”.
Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou “o orgullo que supón para Galicia ser a única comunidade española que ano tras ano segue a acoller un evento de surf profesional de carácter internacional, grazas ao traballo intelixente e constante que durante preto de tres décadas ven desenvolvendo o Club Praia de Pantín, e que ten como froito un dos certames máis lonxevos e valorados a nivel europeo nesta modalidade deportiva”.
Así mesmo, valorou positivamente o traballo de promoción e extensión do deporte do surf que o Club Praia de Pantín desenvolve ao longo do ano, por tratarse dunha modalidade deportiva na que Galicia está chamada a crecer notablemente e para a que conta cuns enclaves de costa de indubidable interese. Neste sentido, lembrou o traballo que a Xunta leva a cabo con todos os axentes da industria galega do surf cara a desenvolver o sector a través do Plan Director do Surf, como ferramenta de planificación, promoción e optimización de sinerxías que favorezan o crecemento desta actividade económico-deportiva en Galicia.
Condicións naturais
Nava Castro tamén se referiu na súa intervención ás “inmellorables condicións” que ofrece a Praia de Pantín para surfear “practicamente todos os días do ano”, o que fai posible a celebración ininterrompida das sucesivas edicións desta proba.
Segundo dixo, “Pantín é un dos areais nos que as ondas entran dun xeito máis directo e polo tanto con maior tamaño”, o que permite que estas rachen ordenadamente, podendo atopar ondas surfeables de ata cinco metros de altura.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia falou, tamén, das posibilidades que ofrece a costa galega para a práctica do surf. Segundo dixo, “a nosa rexión ten a peculiaridade de estar bañada por dous mares e isto, xunto á formación das rías, crea unha variedade de máis de 860 praias con características propias canto á orientación, temperatura, ondada ou dirección do vento que ofrecen alternativas diferentes para cada ocasión”.
As Rías Baixas, a Costa da Morte ou, “onde estamos hoxe” –As Rías Altas- , manifestou, “todas as zonas dispoñen de praias para os amantes das ondas”, e así, na nosa costa “contabilízanse máis de 70 areais idóneos para a práctica do surf, o que nos converte nun destino privilexiado para este deporte”.
Por todo isto, dixo Nava Castro, e a fin de promocionar Galicia como destino de surf, “Turismo de Galicia recolle no Plan Integral de Turismo de Galicia a promoción e apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en base a criterios de impacto económico nos territorios, prestando unha atención singular a aquelas especialidades deportivas que poñan en valor os recursos naturais e culturais da nosa comunidade e ás que se poidan diferenciar como produto turístico propio”.











