Preséntase en Santiago o IV Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia

Nava Castro durante a presentación. Foto: A. Varela
“Unha das mellores ferramentas para posicionar Galicia como destino ideal para xogadores de golf senior”. Así cualificou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a celebración do IV Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia, que hoxe presentou en Santiago.
Este torneo, no que poderán participar homes de máis de 55 anos e mulleres de máis de 50, celébrase por cuarto ano consecutivo e contará cunha fase clasificatoria que se desenvolverá en seis campos de golf doutras tantas comunidades autónomas españolas. O circuíto comezará o vindeiro día 2 de setembro no campo asturiano de La Barganiza e a fase final terá lugar no campo de golf Oca Augas Santas Balneario & Golf, en Ferreira de Pantón os días 7 e 8 de outubro.
Referíndose á fase clasificatoria, a directora de Turismo de Galicia lembrou que os campos elixidos para a súa celebración nas comunidades de Asturias, o 2 de setembro; A Rioxa, o 4 de setembro; Castela e León, o 9 de setembro; País Vasco, o 11 de setembro; Madrid, o 16 de setembro; e Navarra, o 18 de setembro, “son prioritariamente os que contan cun maior número de licenzas de xogadores senior”, sinalou.
Estas probas clasificatorias desenvolveranse pola modalidade de stableford scratch e handicap individual. Os xogadores que queiran participar deberán ter o cartón federativo en vigor na data da celebración da competición cun límite de handicap de xogo de 30, tanto para mulleres como para homes, e poderán participar hándicaps superiores se se adaptan ao handicap 30 de xogo
Golf senior e oferta complementaria
Segundo explicou a Nava Castro, o “obxectivo deste circuíto é ofrecer un programa concreto e atractivo para o xogador e colectivo senior” que se está convertendo “nun segmento de vital importancia no sector do golf en España”, engadiu.
“En definitiva -apuntou a directora de Turismo de Galicia- o Circuíto de golf Senior Turismo de Galicia constitúe unha ferramenta de promoción para Galicia como destino de turismo activo e deportivo no que ademais se demostra a súa complementariedade con outras actividades paralelas coma o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía”.
Plan integral de Turismo de Galicia
Nava Castro explicou tamén que xa no Plan Integral de Turismo de Galicia vén reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo “para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal”.
“Por iso -continuou- de aquí a 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf”.
Deste xeito, entre as actuacións máis salientables, a directora de Turismo de Galicia destacou a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; e, “por suposto, engadiu Nava Castro, a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo senior”.
Calidade turística
Por último, na súa intervención durante a presentación do IV Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia, a directora do departamento de Turismo da Xunta de Galicia referiuse á celebración da final deste torneo no recinto do Oca Augas Santas, do que dixo “reforza a aposta de Turismo de Galicia pola calidade”.
Así, salientou que se trata dun establecemento no que o hotel e o campo de golf están certificados co distintivo Q de Calidade Turística. Nesta liña, destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma en certificacións Q tras Andalucía con 249 distintivos en empresas e servizos turísticos, e que “somos líderes en segmentos como o turismo rural, balnearios, instalación náutico-deportivas, turismo activo, industrial e de ocio nocturno”.
“En definitiva, -concluíu Nava Castro-, contamos cunha oferta diferencial, distinguida pola calidade, competitividade e con gran pontencialidade desestacionalizadora, grazas a produtos como o que hoxe presentamos de turismo de golf”.











