Preséntase a oferta festiva de Ponte Caldelas para o mes de agosto

Presentación da Festa dos Dores de Ponte Caldelas
O alcalde Perfecto Rodríguez presentou o programa cultural e festivo que marcará a actividade social e cultural de Ponte Caldelas durante o mes de agosto. O programa xa está dispoñible na web do concello (www.pontecaldelas.org) e a partir do luns serán repartidos os folletos de man. Entre as novidades destaca a actuación, o domingo 31 de agosto dentro das Festas dos Dores, de Mucha e Nucha, as Cantareiras de Ardebullo e a orquestra espectáculo OLYMPUS así como a recuperación da Gran Tirada de Fogos de artificio, o martes 2 de setembro como colofón desta celebración.
Tamén se recupera a montaxe dun parque de inchables gratuíto na alameda para o domingo 17 de agosto.
A Festa da Batalla e Feira Antiga do Camiño dos Arrieiros concentrará as súas actividades no domingo 24 de agosto, tendo como fío condutor a recreación da loita das Alarmas de campesiños galegos contra as tropas de Napoleón. Pola súa banda, os artesáns recuperarán o protagonismo da Feira Antiga que se instalará na Alameda realizando talleres interactivos co público presente co fin de fomentar a participación popular nunha festa xa consolidada nas existentes na provincia relacionadas coa inmersión histórica.
FESTAS DOS DORES: MÚSICA E BAILE A GUSTO DE TODOS
En canto aos propios días das Festas dos Dores prolongaranse do 30 de agosto ao 2 de setembro cun programa festivo no que o Concello tentou incorporar diferentes espectáculos e actividades para cubrir o gusto de todo tipo de público. Destaca o domingo 31 coa actuación da orquestra espectáculo OLYMPUS, e as Cantareiras de Ardebullo que farán que esa noite Ponte Caldelas teña gran afluencia de público. Ademais en Ponte Caldelas terán protagonismo os grupos folclóricos que comezará o sábado co encontro interculturale entre Os Coribantes de Buchabade e o Grupo “La Madreña”, de Pousada de Llanera (Asturias) e “La Robleda”, de Cabezón de la Sal (Cantabria); ademais do concerto SON DE PONTE CALDELAS que se celebrará o luns no que participan as principais agrupacións musicais e folclóricas do municipio.
Tampouco faltarán as bandas de música cos concertos na alameda á hora do aperitivo que reúne todos os anos a centos de persoas. A banda de música de Salcedo, a de Mondariz, Redondela e a de Arcade que protagonizarán pasacalles, o acompañamento nos actos relixiosos e o seu correspondente concerto na Alameda de Ponte Caldelas.
As noites de verbena estarán amenizadas o sábado polas orquestras Acirema e Latino, o luns pola orquestra América, quedando para o fin de festa do martes, coa verbena até as 8 da mañá do mércores a cargo das orquestras Suavecito, Abanico e Alcázar. Nesta noite recupérase a tirada de fogos artificiais.
SEMANA CULTURAL: CONFERENCIAS, TEATRO E MAXIA PARA TODOS OS PÚBLICOS
O amplo programa deseñado polo Concello de Ponte Caldelas para a Semana Cultural inclúe unha exposición pictórica de Olga Varela Pérez, así como unha conferencia titulada “O Balneario (1895-1910), 15 anos de andaina”, que pronunciará a historiadora local Mercedes Martínez Plasencia.
O entretemento para os máis pequenos virá da man dun contacontos, unha actuación de maxia e varias obras de teatro que serán interpretadas na Alameda de Ponte Caldelas. Tamén este ano o cine copará parte do entretemento para todos os públicos coa proxección das películas “Os Bolseiros” e “Oblivion”.
UN AMPLO PROGRAMA COMO REVULSIVO ECONÓMICO PARA TEMPOS DE AUSTERIDADE
Perfecto Rodríguez sinalou durante a presentación que a intención do Concello con este programa é manter a oferta festiva en Ponte Caldelas co maior número de actividades culturais, sociais, musicais e de goce do tempo libre “co obxectivo de entreter aos nosos veciños, nenos e maiores, e a quen por estas datas nos visitan axustándonos no gasto e buscando na imaxinación e a variedade o encaixe de todos os gustos desde un orzamento austero, marcado polos tempos nos que estamos”.
O Alcalde manifestou que “as actividades do mes de agosto son unha boa ocasión para promocionar a imaxe exterior de Ponte Caldelas ademais de servir de revulsivo económico para os establecementos comerciais e de hostalaría que se poden beneficiar do movemento e polo de atracción poboacional que este tipo de celebracións xera. Que as festas saian ben é tarefa de todos e espero que os veciños e establecementos se impliquen ao máximo para que tanto a Festa da Batalla como a dos Dores se caractericen pola participación cidadá e sexan un éxito desde o punto de vista da diversión e como revulsivo económico para todos eles”.











