Praia América acollerá un concurso de castelos de area e un campionato infantil de fútbol praia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

A area será a protagonista da programación deportiva e de lecer do próximo sábado, coa celebración do II Concurso de Castelos e Figuras de Area e un torneo de fútbol praia para nenos, organizados ambos eventos pola asociación Ocio y Playa en colaboración co Concello de Nigrán.

O torneo de fútbol praia disputarase entre as 11.00 e as 16.00 horas en Praia América (á altura da desembocadura do Río Muiños) nas categorías benxamín e alevín, de 7 a 9 anos e de 10 a 12 anos, respectivamente. Os equipos participantes deberán estar formados por oito xogadores como máximo, dos cales 3 deberán ser reserva e un gardameta.

Cada partido terá unha duración dunha media hora -dous tempos de 12 minutos cada un e un descanso no intermedio de 5 minutos-, e disputaranse nunha superficie de xogo de area lisa de 32×16 metros. Os dous finalistas de cada categoría recibirán premio.

Castelos e figuras na area

O II Concurso de Castelos e Figuras na area celebrarase a partir das 17.00 horas en Praia América, na contorna de Montelourido, e consistirá na realización dun castelo, figura ou escultura de area, valéndose exclusivamente das mans e utilizando como materiais os útiles habituais, como cubos, pas, e elementos naturais

Poderán participar familias e grupos de amigos, por equipos de entre 4 e 9 compoñentes, pechándose as inscricións ao chegar a 25 equipos en todo o concurso. A organización establece tres categorías; familia, amigos menores de 14 anos e amigos maiores de 14 anos.

Os participantes terán un máximo de dúas horas e unha superficie de 2×2 metros para a súa construción, valorándose de face a optar ao premio a dificultade da obra, a súa presentación, habilidade, singularidade, imaxinación e execución da mesma.

A celebración de ambas as actividades está supeditada ás condicións climatolóxicas. Máis información e inscricións nas oficinas de turismo.

7 de agosto de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.