publicidade hoxe

Ponte Caldelas pon en marcha un operativo especial de tráfico para as Festas das Dores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas deseñou un operativo especial de tráfico, que entra en funcionamento hoxe e que se prolongará até o martes 2 de setembro, coa intención de facilitar o normal desenvolvemento das tradicionais Festas das Dores.

Este operativo compleméntase coa habilitación de zonas de aparcadoiro disuasorio nas entradas e saídas da vila, desde Pontevedra, Agusantas-Cotobade, A Insua-Soutomaior-Arcade e Caritel-Forzáns-A Lama.

Esta zona de aparcadoiros gratuítos estarán perfectamente indicados e previamente anunciados para que calquera veciño do municipio ou visitante poida estacionar o seu vehículo de maneira cómoda e próxima ao centro da vila para poder gozar, a pé, de todas e cada unha das actividades festivas organizadas para a ocasión.

ZONAS E DÍAS NOS QUE NON SE PODE ESTACIONAR

Así, desde o martes 26 de agosto, a partir das 15 horas, prohíbese o estacionamento na Praza de Fornelos de Montes (detrás do Centro Cultural de Ponte Caldelas), contorna da Praza de Abastos e Praza de España; para posibilitar a instalación das atraccións de feira. Faise con tempo suficiente para que poidan realizarse as correspondentes inspeccións técnicas.

O sábado día 30, o domingo día 31 de agosto, o luns 1 e martes 2 de setembro, non se poderá estacionar na contorna da Praza de Abastos. Así mesmo, a partir das 15 horas prohíbese a circulación por esta zona (R/Emigrante e R/Marín), par á instalación das orquestras.

Por último, o martes 2 de setembro prohíbese aparcar na Rúa da Ponte, Avenida de Vigo, Avenida de Pontevedra e Avenida de Galicia desde as 19 horas e ata que finalice a Procesión en honra á Virxe das Dores, que porá punto e final aos actos relixiosos desta festividade en Ponte Caldelas. Esta prohibición tamén se realizará na R/Ponte o sábado a partir das 19 horas para a procesión.

 

26 de agosto de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.