Pablo Flethes vence no II Trofeo Coruña Style Outlets
Cumpríronse os partes meteorolóxicos que predicían pouco vento durante a xornada dominical, e a pesar dos intentos do Comité de Regatas por atopar unha área da bahía herculina na que o vento alcanzase os 6 nós de intensidade necesarios para poder navegar, durante toda a mañá o vento non superaba os 3-4 nós, obrigando a dar por finalizado o II TROFEO CORUÑA STYLE OUTLETS con 6 probas completadas en clase Optimist e catro en clase Laser.
Os únicos que puideron completar o seu programa de probas foron os optimist de Escola, que ao ser os máis noveis, o seu rango de vento permítelles navegar con 4 nós de intensidade, celebrando 3 probas no día.
En clase Optimist o vencedor absoluto foi Pablo Flethes do CMP Sherry, segundo clasificado o representante do RCN Coruña Jorge Barcia, que se facía ademais co trofeo de Campión Galego Clase Optimist nun final moi disputado con Jaime Lusquiños e Jacobo García, ambos do RCN Vigo. Ademais Jacobo García facíase tamén coa primeira posición na categoría “B”, por diante de Jaime Framis do RCN Sanxenxo e en terceira posición clasificaríase Manuel Alvarez-Dardet do CMP Sherry. En categoría “C” o vencedor foi Bruno Ameneiro do RCN Sanxenxo, segundo clasificado Stella Maris do RCN Vigo e terceiro clasificado Victor González do RCN Rodeira. En categoría Escola, o vencedor foi o representante do RCN Coruña Jaime Páramo, segundo clasificado Álvaro Carro do CM Oza e terceiro clasificado Santiago Saez-Chas do RCN Coruña.
En clase Laser, a categoría 4.7 estivo dominada por Juan Maciñeira do RCN Coruña, por diante do Ramón Sánchez do CM Oza e de Marta Araujo do RCN Coruña. En categoría “Radial” o vencedor foi Esteban Martinez do Outeiro do RCN Coruña, segundo clasificado Nicolás Vázquez do CM Oza, e en terceira posición Alberto Basadre do CM Canido. En categoría Standard, o regatista do CN Povoense, Serafim Gonçalves, levaba a xeral, por diante de Ramón Calviño do RCN Coruña e de Pablo Leiro do RCN Sanxenxo.
Ás 17.00 horas da tarde, o Presidente do Real Club Náutico a Coruña, o seu Vicepresidente Javier Ojea, o seu Comodoro Antón Pellejero, acompañados polo Xerente de “Coruña Style Outlets” e o secretario de clase Optimist Galicia Jorge Henríquez, fixeron entrega dos trofeos aos vencedores en todas as categorías disputadas, e da placa da Federación Galega de Vela que acredita ao Campión Galego da Clase Optimist 2014.
Con este acto finaliza a XIV SEMANA NÁUTICA – II TROFEO STYLE OUTLETS organizada polo Real Club Náutico da Coruña e patrocinada por Coruña The Style Outlets, na que participaron máis de 150 regatistas entre todas as clases vindas de toda a xeografía española e de Portugal, consolidándose un ano máis como unha das regatas de referencia da vela lixeira galega. Grazas ao enorme esforzo do club organizador que este ano contou coa colaboración de Coruña Style Outlets, para lograr o éxito nesta emblemática SEMANA NÁUTICA CORUÑESA.











