Óscar Carrera e Rodrigo Germade quedan sen medalla en Moscova pola rotura do temón da embarcación
A rotura do temón da súa embarcación deixou a Óscar Carrera e Rodrigo Germade sen poder lograr unha medalla no Campionato do Mundo que se disputou en Moscova. Loitaban pola prata no K-4 1.000 cando sufriron o accidente a falta de menos de douscentos metros para a chegada. O resto de padexeiros galegos que participaron nas finais das súas modalidades non lograron estar entre os tres primeiros.
Eran uns dos grandes favoritos ao triunfo. E así o demostraron desde a primeira palada os compoñentes do K-4 español. A súa loita centrouse coa embarcación portuguesa, que finalmente foi segunda. Nunha regata intensa, todo o guión cambiou a falta de 200 metros. O barco español rompeu o temón e foise contra os portugueses. Termináronse nese instante as opcións de lograr unha medalla para Óscar Carrera e Rodrigo Germade.
Con todo, transmitiron boas sensacións para o futuro, mesmo para loitar por unha praza nos Xogos Olímpicos de Río. Ademais, na actual tempada xa lograron a primeira posición na Copa do Mundo de Milán.
Galicia tamén tivo presenza noutras finais na última xornada do Mundial. Rubén Millán e Diego Piña, en K-2 500 metros, lograron un magnífico sexto posto. Ambos os padexeiros, compoñentes do Kaiak Tudense, decidiron hai pouco formar esta embarcación que logrou a súa praza para o Mundial despois de superar un selectivo. Ademais, financiáronse eles a súa participación.
Jenifer Casal e Raquel Rodríguez, da Cidade de Pontevedra, afrontaron con ilusión a final do C-2 500 metros. Pero as súas adversarias foron superiores e iso quedou reflectido na clasificación final. Terminaron no noveno lugar.
Nas finais B, Cristian Toro e Carlos Arévalo gañaron en C-2 200 confirmando os prognósticos, xa que se quedaron fóra da final A por escasas milésimas. Ton Campos e Diego Romero, no C-2 1.000 metros, terminaron a súa proba en cuarta posición. Adrián Sieiro foi segundo en C-1 500 metros, o mesmo lugar que ocuparon André Oliveira e Yeray Picallo en C-200 metros.
Para todos eles a tempada non finalizou. A maioría deles estará presente o próximo fin de semana no Campionato de España de verán que se disputará en Trasona (Asturias).











