Os traballadores ratifican o acordo con Urbaser por unanimidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

Os traballadores de Urbaser, a concesionaria do servizo de limpeza da cidade de Lugo, ratificaron en asemblea por unanimidade o preacordo ao que esta madrugada chegaron coa dirección da empresa e que permite acabar con case dous meses de folga na recollida de lixos na cidade da Muralla Romana.

Entre consignas como “Todos somos un”, a asemblea de traballadores, que contou coa asistencia da práctica totalidade do equipo de Urbaser en Lugo, deu o seu visto bo ao acordo que permitirá que as rúas lucenses recobren a limpeza e a hixiene.

A tensión acumulada reflectíase nas caras de moitos dos participantes na asemblea, que esperaran durante 12 horas este mércores, a duración da última das reunións mantidas coa empresa, unha resolución favorable ao conflito.

Na comparecencia ante os xornalistas tras a asemblea, a secretaria da federación de servizos da CIG, Carmen Antas, debullou os puntos sobre os que se cimentou a negociación, como é o caso da vixencia do convenio de catro anos -2014 a 2017- e a ultractividade por tres anos posteriores á conclusión desa vixencia.

INCREMENTOS SALARIAIS

En canto aos incrementos salariais, para 2014 séguense percibindo as retribucións de 2013, en 2015 serán o 60 por cento do IPC real máis cen euros anuais, no 2016 o mesmo 60 por cento máis 150 euros anuais e no 2017 o 60 por cento real do IPC máis douscentos euros, segundo explicou Carmen Antas.

Con estas subas, a 30 de decembro de 2017 “consolidaríanse en táboas 450 euros”, explicou Antas, que destacou “no tema social, o cen por cento da cobertura de vacantes”. “Esta é unha vella reivindicación e era irrenunciable, na proposta anterior solo era o 50 por cento e polo tanto só se cubría, por orde de antigüidade, unha praza de cada dúas”, destacou a delegada sindical.

“Con en este preacordo a van a cubrir todas por parte do persoal da fin de semana e por orde de antigüidade. Así quen máis tempo leve aguantando un contrato precario en Urbaser será o primeiro que ten dereito a pasar a un contrato de xornada completa”, detallou.

Durante a comparecencia, Antas estivo acompañada de todo o comité de folga, 11 traballadores sancionados con despedimento nun primeiro momento pero que son agora readmitidos, aínda que cunha sanción de cincuenta días de emprego e soldo dende o inicio do paro o nove de xuño. Tamén se retiran os apercibimentos a outros 91 traballadores por incumprimento de servizos mínimos.

POR UNANIMIDADE

O secretario do comité de empresa, Julio Pacio, arrancaba o encontro cos xornalistas e facíao dando conta da votación da asemblea que, coa unanimidade dos 139 empregados, “aprobaron o preacordo” alcanzado polo comité.

“Cincuenta e nove días despois nós temos que dicir que os traballadores deste equipo, con esta unión que demostraron todos os días e orgullosos desa unión, defenderon moi dignamente aqueles recortes que propiciaron que nos puxésemos en folga”, subliñou.

Entre os que acudiron á asemblea atopábase Araceli Núñez, a secretaria da Federación de Servizos da UGT e traballadora que se atopa de baixa dende que foi arrastrada por un directivo de Urbaser cando formaba parte dun piquete na primeira fin de semana do paro.

A sindicalista mostrouse ante os medios de comunicación “moi contenta por todos os compañeiros do equipo que deron un exemplo de loita e de resistencia, de defender a súa dignidade como traballadores”.

URBASER

Dende a empresa, o seu voceiro, Benito García, precisou que “tras a negociación, se produciu un acordo que tiña a súa base na retirada da proposta sindical inicial do día anterior e a presentación por parte do representante do concello dun acordo de peche, que sen satisfacer as expectativas da empresa é asumido por esta para poñer fin a un conflito prolongado no tempo por unha actitude sindical que imposibilitou o acordo nun prazo razoable”.

“Despois desta noite maratoniana non podemos por máis que sentirnos satisfeitos, non tanto pola empresa, nin sequera polos traballadores, nin polo concello, senón pola cidadanía de Lugo, á que lle quitamos de enriba un peso que llo deberiamos de quitar hai moitas semanas”, asumiu.

Benito García baseou o acordo nesta cuestión, “a única razón pola que podemos dicir que estamos satisfeitos”. “Na outra parte, na empresarial, alívianos poder aparcar un conflito que non tiña que chegar a estes extremos”, concluíu.

7 de agosto de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.