Os socialistas pedirán no Concello da Coruña o rexeitamento á reforma electoral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O Grupo Municipal do PSOE na Coruña defenderá no próximo pleno unha moción destinada a “rexeitar” a reforma electoral que propuxo “de forma unilateral” o PP para permitir a elección directa dos alcaldes.

Así o anunciou, en rolda de prensa, o responsable de Política Municipal do PSOE coruñés, José Manuel Dapena, quen indicou que o PP “pretende alterar as regras de xogo” cunha proposta que considerou un “salvavidas” para o poder municipal dos populares.

“O PP ten medo, á vista dos resultados das eleccións europeas, de perder as alcaldías que neste momento ostenta e, como non é capaz de chegar a acordos, busca alterar as regras de xogo”, sentenciou Dapena.

Así, para os socialistas, a iniciativa do Goberno que preside Mariano Rajoy resulta “partidista” e “oportunista” e consideran que con ela o PP “busca perpetuarse no poder”.

“SEN MAIORÍA”

Así mesmo, Dapena lembrou que na primeira entrevista que mantivo o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, o líder socialista xa lle trasladou o seu “rotundo rexeitamento” ao cambio no sistema de elección de alcaldes “sen un acordo xeral” e a poucos meses das eleccións municipais.

“Con esta reforma non habería potestades para esixir responsabilidades políticas aos alcaldes, desde o momento en que unha maioría de edís non podería reverter a situación e elixir un novo alcalde”, dixo Dapena, que sinalou que a proposta se expón “sen que haxa unha maioría social que a busque”.

27 de agosto de 2014 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.