Os socialistas de Ordes esíxenlle ao Xacobeo a limpeza do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A Agrupación Socialista de Ordes esíxelle ao Xacobeo a inmediata limpeza e acondicionamento do trazado do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio. O itinerario presenta unha grave acumulación de maleza que dificulta o e nalgún punto xa case impide o paso dos peregrinos. O secretario xeral do PsdeG-PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, considera que “estamos ante unha lamentable deixación de responsabilidades por parte da administración autonómica, que se amosa incapaz de coidar un patrimonio histórico, cultural e paisaxístico tan valioso economicamente para Ordes e para a comarca como é o Camiño Inglés”.

Pedreira pregúntase “por que os arredor de 4.000 peregrinos que levan percorrido oficialmente o Camiño Inglés no que vai de ano teñen que chegar a Santiago coas pernas e os brazos rascados e feridos por silvas e toxos e en cambio se deixou como unha patena un pequeno treito do Camiño Francés para que paseasen por el o señor Rajoy e a señora Merkel”.

De aí que os socialistas ordenses consideren que posiblemente haxa que convidar ao primeiro ministro británico, David Cameron, a percorrer o Camiño Inglés para que os responsables da Xunta atendan as necesidades do itinerario xacobeo que atravesa o municipio. “Ademais de esquecer practicamente de todo nas súas accións promocionais unha variante con tanto potencial turístico, o Xacobeo desatende as reclamacións de limpeza e sinalización do Camiño Inglés e por suposto desoe unha necesidade clamorosa como é a construción dun albergue para peregrinos en Ordes”, engade Xesús Pedreira.

26 de agosto de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.