Os peiraos da Ría de Noia recibiron 250 barcos en tránsito durante o mes de xullo
Os portos de titularidade autonómica da ría de Noia recibiron 265 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita á dársena deportiva de Portosín, que experimentou a maior subida interanual.
Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Portosín e Muros incrementaron nun 46% o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo periodo do ano anterior. En concreto, Portosín experimentou a maior subida, de máis do 200% ao pasar de 26 a 80 barcos foráneos. Polo que respecta a Muros, os tránsitos do mes de xullo pasaron de 155 en 2013 a 185 este ano.
Deste xeito, a ría de Muros e Noia confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2000 tránsitos, un 10% máis que o ano pasado. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, sobre todo británicas e francesas.
Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre reseñar a participación de Portos de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o a feira Fitur de Madrid, o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París ou a organización da I Travesía Náutica Xacobea. Portos de Galicia ten previsto dar continuidade a estas accións en base á súa incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.