Os participantes en Máis que comercio! no CCU de Sanxenxo elixen como o seu establecemento favorito Deportes Maniotas de Portonovo
Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de xullo nos establecementos asociados ao CCU Entretendas de Sanxenxo, elixiron como o seu comercio favorito a tenda de Deportes Maniotas, de Portonovo.
Este negocio, con máis de dez anos de traxectoria e que vende roupa de deporte, calzado e todo o necesario para a práctica deportiva, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5 € de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, foi a encargada de entregar esta mañá o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos aos clientes gañadores. Vázquez Abeal salientou que Máis que comercio!, que está a percorrer Galicia durante todo o ano, ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade, ademais de resaltar o traballo dos centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.
Lembrou Vázquez Abeal que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao pequeno e mediano comercio, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o centro comercial aberto Entretendas de Sanxenxo resultou beneficiado con apoios por máis de 33.000 euros, e as asociacións de praceiros de Portonovo e Sanxenxo con 9.800 euros cada unha.











